19 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio do BNG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a continuar avanzando na incorporación á sanidade pública galega de equipos tecnolóxicos punteiros de cirurxía robotizada, incidindo agora naqueles que dean soporte e mellores prestacións a profesionais e pacientes nas intervencións de cirurxía traumatolóxica.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, lembrou que “Galicia é unha das comunidades autónomas coa poboación máis envellecida de España, o que conleva que a enfermidade da artrose, que é unha das patoloxías máis prevalecentes na poboación adulta, estea moi presente entre os galegos e galegas, que se beneficiarán de que o noso sistema sanitario público estea dotado de tecnoloxía de vangarda”.
EVOLUCIÓN TECNOLÓXICA
“A robótica é un paso máis na evolución da tecnoloxía para poder implantar unha prótese, xa que permite a un cirurxián ortopédico unha maior precisión na realización da intervención, ao tempo que se demostrou unha mellor recuperación fronte á cirurxía manual, así como a mellora funcional máis temperá, menor dor, menor consumo de analxesia e máis satisfacción para os pacientes”, indicou.
Amigo explicou que a Xunta mercou e puxo en marcha nos últimos anos sete novos sistemas de cirurxía robotizada para todo o sistema sanitario galego, un por cada área sanitaria, “de xeito que todos os cidadáns, independentemente de onde residan, poidan ser intervidos con eles”.
“A dixitalización foi un dos piares fundamentais da mellora da asistencia sanitaria que ten experimentado Galicia nos últimos anos”, dixo a portavoz popular, quen citou a extensión do sistema IANUS de historia clínica electrónica, a receita electrónica, a implantación da interconsulta entre atención primaria e especializada, a plataforma Telea de xestión da cronicidade ou o programa de xestioń da demanda en atención primaria Xide.
Encarna Amigo incidiu que a Consellería de Sanidade “mantén un firme compromiso coa modernización do sistema sanitario, apostando cada día pola incorporación de ferramentas tecnolóxicas e servizos que axuden a unha prestación máis áxil, eficiente e, por tanto, de maior calidade”.