24 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar o recoñecemento da docencia innovadora entre os graos universitarios do Sistema Universitario de Galicia (SUG), para o que se terán en conta criterios como a estratexia e resultado do grao, o itinerario formativo, o deseño da aprendizaxe, o profesorado, a avaliación formativa e a empregabilidade da titulación universitaria.
A portavoz de Educación, Marisol Díaz Mouteira, explicou que a Xunta “está a traballar na elaboración dunha convocatoria para distinguir os graos impartidos nas universidades galegas cun selo de grao innovador, afondando na estratexia de priorización da excelencia”. Este selo permitirá ás titulacións que o logren diferenciarse do resto e poñer en valor a súa calidade, innovación e prestixio.
“Trátase de apoiar ás universidades no avance do seu modelo educativo e no proceso de adaptación ás transformacións demandadas pola sociedade”, indicou a portavoz popular, quen apuntou que deste xeito “potenciarase o seu atractivo e capacidade de captación de alumnado na oferta de graos, non solo a nivel galego se non tamén a nivel estatal e internacional”.
Marisol Díaz lembrou que a Xunta impulsou o Máster universitario excelente, unha iniciativa pioneira en España que partiu do convencemento de que a excelencia require dun esforzo de autoavaliación e xestión continua. Neste momento, nove mestrados universitarios galegos contan xa coa mención de excelencia.
“Quixera destacar especialmente a importancia da cultura do esforzo para camiñar cara á excelencia, e non só do profesorado, senón tamén do alumnado, cuxa cooperación é imprescindible neste reto, e o apoio da Xunta”, indicou.