Santiago, 9 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a adoptar as medidas necesarias para modernizar e humanizar os puntos de encontro familiar que actualmente se atopan en funcionamento en Galicia, tal e como está previsto facer nos centros de nova creación. Así mesmo, solicítase un protocolo que permita a valoración de risco nestes puntos de encontro fronte a situacións de violencia machista, así como deseñar canles de comunicación e colaboración interinstitucionais que garantan a protección das e dos menores e das súas nais, co obxectivo de unificar e harmonizar os criterios de intervención.
A deputada popular Rosalía López explicou que os puntos de encontro familiar teñen por obxectivo favorecer a relación entre o menor e as súas familias cando, nunha situación de separación, divorcio ou acollemento familiar, o exercicio do dereito de visita vese interrompido ou ben é de cumprimento difícil ou conflitivo. Así, durante o pasado ano 2021, tiveron lugar 25.000 intervencións nos puntos de encontro familiar de Galicia, dos que o 70 por cento foron intercambios, o 13 por cento visitas tuteladas e o 17 por cento visitas sen supervisión.
CATRO CONSIDERACIÓNS
“Para poder levar a cabo estas accións, é importante que as instalacións existentes e as de futura construción nas que se localicen os puntos de encontro familiar sexan accesibles e acolledoras, co fin de proporcionar un entorno cómodo, cálido e máis humano”, manifestou a deputada popular.
Deste xeito, Rosalía Pérez fixo unha serie de consideracións para ofrecer un servizo de calidade na atención ás necesidades das persoas menores de idade que acoden a un punto de encontro familiar. En primeiro lugar, referiuse “á necesidade dunha intervención especializada orientada desde o paradigma do bo trato, convertendo este recurso nun medio construtivo, orientado ao cambio, ao apoio e ao establecemento duns coidados parentais indispensables, en oposición a unha visión limitada do recurso centrada na mera regulación de contactos”.
En segundo lugar, Rosalía López avogou pola proximidade do servizo e lembrou que na actualidade a rede de puntos de encontro familiar en Galicia está integrada por sete centros nas sete grandes cidades, ao que se sumou recentemente o punto de encontro familiar da comarca do Barbanza. “Este mesmo ano vanse iniciar as actuacións correspondentes para elevar esta cifra ata os 14 puntos de encontro repartidos polas catro provinciais antes de que remate o ano 2023”, apuntou.
AMPLIAR A COBERTURA
“O obxectivo é ter unha cobertura máis ampla deste servizo, reducindo a duración dos desprazamentos que teñen que facer as familias e, sobre todo, os nenos e nenas destes núcleos familiares para ver aos seus proxenitores”, manifestou a deputada popular.
Unha terceira consideración apuntada por Rosalía López é o “compromiso claro coa modernización e mellora da confortabilidade dos puntos de encontro xa existentes, polo que se procederá a realizar actuacións de mellora en cada un dos sete puntos de encontro existentes nas grandes cidades galegas”. Para a realización destes traballos, a Xunta conta cunha partida orzamentaria neste 2022 de 400.000 euros e cóntase con darlle continuidade nos seguintes orzamentos.
Por último, a deputada popular referiuse á organización e coordinación do equipo técnico de cada un dos puntos de encontro familiar, de xeito que se garanta un traballo personalizado de intervención psico-socio-educativa para acadar o cambio buscado nas dinámicas familiares.