Santiago, 10 de outubro de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno central que considere a petición dunha posible separación do stock sur da anchoa na zona IXa e demande a determinación dunha flexibilidade, canto menos do 25 por cento, nas zonas de confluencia entre a zona VIIIc e IXa.
A portavoz do Mar, Teresa Egerique lembrou que “a decisión do Consello Europeo para a anchoa recolleu nos últimos anos diverxencias substanciais na determinación do TAC para as dúas zonas nas que se divide a súa xestión: a VIIIc e a IXa”.
En concreto, dixo que no ano 2016, determinouse para a anchoa un roll-over no caso do Cantábrico, mentres que no área de Fisterra cara ao sur ditaminouse o aumento nun 10% do nivel de capturas existente; no ano 2017, determinouse para a anchoa un roll-over na zona do Cantábrico, e no caso da área de Fisterra cara ao sur ditaminouse o aumento nun 7 por cento do nivel de capturas existente, e en 2018, determinouse para a anchoa unha continuidade no TAC de ambas zonas do Cantábrico e Noroeste.
“Para o presente ano, o informe do ICES sobre o TAC de anchoa para a zona IXa sinala que, aplicando o enfoque de precaución, as capturas do compoñente occidental non deben ser máis de 13.308 toneladas e as capturas do compoñente sur non deben ser máis de 3.760 toneladas”, sinalou.
XESTIÓN UNIFORME DAS DÚAS ZONAS
Teresa Egerique sinalou que o Instituto Español de Oceanografía “recoñece que nos últimos anos o sur de Galicia e o norte de Portugal alberga un stock propio de anchoa, xa que a especie vese con abundancia nas augas das Rías Baixas, que forman parte da denominada zona IXa”. “Esta circunstancia súmase ao feito de que a esta frota se lles asegurou un incremento da cota da anchoa si a especie aparecía en abundancia por Galicia, feito que parece ter acontecido, non só polo que manifesta a frota, senón contrastado con datos científicos do IEO”.
Deste xeito, a portavoz popular considerou “recomendable establecer unha xestión uniforme de dúas zonas cunha pesquería idéntica dirixida sobre o xurelo e cerco no caso da anchoa, de forma que esta disparidade de criterios non afecte á programación da actividade por parte da frota”.
“Ademais, consideramos que non se pode considerar a separación plena de ambos stocks, especialmente nas zonas de confluencia de ambas áreas, polo que deberase entender que a flexibilidade do 5% proposta na pesca entre ambas zonas, por exemplo no caso do xurelo, deberíase ampliar de forma substancial, en torno ao 25 ou 40 por cento”, apuntou.