Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento, logo dunha transacción realizada co BNG, instar á Xunta a que complete de xeito inmediato a retirada e tratamento por xestores autorizados dos pneumáticos usados acumulados en depósitos e vertedoiros incontrolados, así como que reforce os medios de apoio aos concellos galegos na urxencia da recuperación ambiental dos puntos de vertido incontrolado.
O portavoz de Medio Ambiente, Gonzalo Trenor, lembrou que o modelo de xestión dos pneumáticos existe desde 2005 e é de obrigado cumprimento en todo o Estado. “Podo decirlles que este modelo está a funcionar en Galicia de xeito especialmente satisfactorio, chegando a unha taxa de reutilización do 13,69 por cento e unha taxa de valorización material do 86,31 por cento”, apuntou.
Ademais, a Xunta de Galicia tramitou o pasado ano o Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2016-2022, que inclúe un programa específico de xestión de pneumáticos usados. “Deste xeito, Galicia xa se dotou dun instrumento de planificación propio para a xestión dos pneumáticos usados”, concretou.
Respecto dos denominados pneumáticos históricos, aqueles cuxa orixe é anterior a 2006, Trenor explicou que hai anos subscribiuse un convenio de colaboración coa Sociedade Galega de Residuos Industriais, S.A. (Sogarisa) a través do que se trataron máis de 21.000 toneladas. Esta acción retomouse o pasado ano coa licitación do Servizo para o tratamento de residuos históricos de pneumáticos fora de uso existentes en Galicia, a través do que se investirán 2,4 millóns de euros e a comezos de 2018 quedarán eliminados todos os acumulamentos de pneumáticos históricos existentes na Comunidade galega.
APOIO AOS CONCELLOS
Gonzalo Trenor destacou, ademais, que “a Xunta está a apoiar aos concellos na retirada destes residuos e só durante o 2016 se recuperaron ambientalmente espazos degradados por 200 puntos de vertido situados en 32 municipios”.
Para rematar, o portavoz popular indicou que os sistemas colectivos de xestión autorizados en Galicia están a traballar no desenvolvemento de I+D+i. Porén, o Grupo Popular apoiou solicitar á Xunta que colabore cos centros de investigación no impulso de vías de investigación e desenvolvemento orientadas a fomentar os estudos de novas aplicacións de pneumáticos reciclados.