Santiago, 16 de novembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o Grupo Socialista, unha proposición non de lei a través da que se insta ao Goberno galego a que, con motivo do cumprimento do centenario do falecemento do escritor Eduardo Pondal, lle dea continuidade ás iniciativas de difusión e conmemoración da figura e da obra do intelectual, escritor e poeta pontecesán.
E que esta difusión a realice a través da colaboración institucional e orzamentaria coa Fundación Pondal e a colaboración con distintas institucións e entidades culturais e, principalmente, coas fundacións de escritores do Rexurdimento para contribuír a impulsar unha programación de actividades continuadas e diversas que poñan en valor o seu legado social.
A deputada do Grupo Popular María Antón sinalou que “a Consellería de Cultura mantén unha colaboración regular coa Fundación Eduardo Pondal desde a súa creación no ano 2006 co obxectivo de promover e divulgar a obra do propio escritor e a cultura galega en xeral”. En concreto, lembrou que a Xunta “destinou máis de 70.000 euros nos últimos catro anos a actividades que desenvolve esta fundación, como a escola de verán, o festival Festiletras, ou o certame internacional de pintura ao aire libre Álvarez de Sotomayor, ademais doutros investimentos para a realización de obras de conservación, mantemento e mellora do edificio que acolle esta fundación”.
Así mesmo, María Antón recordou que a Fundación Eduardo Pondal celebrará o vindeiro 25 de novembro a actividade número 100 do centenario co programa Literatas, a través do que se pretende honrar e visibilizar á muller rural. Esta iniciativa conta co respaldo da Consellería do Medio Rural e a Secretaría de Igualdade.
PREMIO DA CULTURA EN 2012
“O compromiso da Xunta de Galicia coa Fundación Pondal é incuestionable, como incuestionable é a labor da Fundación a favor da cultura galega, un feito recoñecido que se visibilizou ao recibir o Premio da Cultura Galega no ano 2012”, subliñou a deputada popular.
Así mesmo, e co gallo do centenario de Eduardo Pondal, a Consellería de Cultura propuxo no mes de xaneiro a realización dunha homenaxe aos tres autores principais do Rexurdimento a través das respectivas fundacións de Pondal, Curros e Rosalía, celebrando unha xuntanza cos alcaldes de Ponteceso, Celanova e Padrón.
María Antón concretou que “a idea principal é a creación dun itinerario literario do Rexurdimento galego, que conecte estas tres figuras relevantes non so na cultural, senón tamén na sociedade e na vida política de Galicia do século XIX”.