Santiago, 11 de setembro de 2018.- O Grupo Popular apoiou a aprobación hoxe no Parlamento dunha moción a través da que se insta á Xunta a continuar desenvolvendo a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero en canto á sensibilización, prevención e tratamento integral da violencia sexual como violencia machista, incrementando no vindeiro presuposto o orzamento consignado para a igualdade de xénero, así como a prevención e intervención no ámbito da loita contra a violencia de xénero.
A portavoz de Igualdade do Grupo Popular, Marián García, afirmou que “esta moción, impulsada agora polo BNG, ten moito do Partido Popular, xa que máis da metade é a mesma que aprobamos no mes de abril na Comisión 5ª sen contar co apoio dos nacionalistas, pero que agora a traen aquí como se fose súa”.
SEGUIMENTO DA LEI
Así mesmo, a moción aprobada hoxe avoga porque a Xunta continúe desenvolvendo campañas informativas para fomentar na sociedade o coñecemento das ferramentas e recursos que existen contra a violencia machista, ao tempo que se inclúe na páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade un apartado específico na pantalla de inicio con información sobre as violencias sexuais e os seus recursos de atención e intervención.
A moción incorpora incluír nos obxectivos da comisión de traballo creada no seo do Observatorio galego da Violencia de Xénero o seguimento da implantación e grao de cumprimento do Protocolo de coordinación e cooperación institucional que se aprobou no 2017, ao respecto das distintas formas de violencia, tamén a sexual, en tódalas súas áreas de actuación.
Para rematar, demándase que no informe anual de seguimento da Lei galega para prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, no apartado de análise e magnitude da violencia de xénero, se reflictan os datos relativos as violencias sexuais denunciadas durante o período de estudio, desagregándoos por sexo, idade, e tipoloxía da agresión ou abuso. Tamén se pide a elaboración dunha macroenquisa galega, en termos cuantitativos e cualitativos, sobre a incidencia das violencias machistas ao longo do ciclo da vida das mulleres, onde se inclúan apartados específicos sobre as violencias sexuais.