Santiago, 8 de febreiro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei a través da que se insta ao Concello de Ponte Caldelas a adoptar as medidas necesarias para evitar o peche do Centro de Información á Muller deste municipio. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou que o peche deste CIM “non ten ningunha xustificación e cada día que pasa as accións do alcalde o poñen máis de manifesto”.
Na súa intervención, Prado lembrou que foi o propio alcalde quen atendeu a varias veciñas por asuntos relacionados co CIM, “retrotraendo as políticas de igualdade máis de cincuenta anos atrás”.
PIONEIRO NO PECHE DE CIM
“Apela o señor alcalde a que o CIM non era sostible economicamente, pero contrata un servizo de asesoría xurídica xeral para todas as cuestións e dúbidas de todo tipo no Concello, con servizo un día á semana, por importe de 15.000 euros”, sinalou a viceportavoz popular.
Ademais, criticou que “non se presta atención psicolóxica ás mulleres que acoden ao Concello, pero si hai cartos para gastar outros 15.000 euros na impartición duns obradoiros de coaching pola igualdade”. “Din que é un programa pioneiro en Galicia, pero o que é pioneiro é o peche do CIM de Pontecaldelas, o primeiro que se pecha en Galicia”, indicou.
Paula Prado lembrou que “foi no ano 1995 cando un goberno no Partido Popular puxo en marcha os cinco primeiros CIM de Galicia e desde entón ano tras ano fóronse incrementando o número de centros e especializándose a prestación deste servizo”.
INCREMENTO DAS AXUDAS PARA VÍTIMAS
“Só houbo uns anos nos que se puxo en cuestión a continuidade dos CIM’s e foi entre os anos 2005 e 2009 baixo o Goberno bipartito, cando se intentaron suprimir para poñer en marcha os chiringuitos de I+B”, sinalou.
A viceportavoz salientou que durante os últimos anos “non só se mantiveron os recursos para igualdade, senón que se teñen incrementado sen escatimar recursos nin instrumentos para axudar ás vítimas: desde o mantemento dos centros de información á muller ata as axudas periódicas para as vítimas, que este ano se incrementan nun 61,10 por cento”.