Santiago, 3 de maio de 2018. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) priorice a eliminación dos pasos a nivel que conten cun maior tránsito de vehículos e persoas, principalmente na cidade de Monforte.
“Ademais, e mentres estes pasos non sexan eliminados, pedimos que se reforcen os sistemas de seguridade de que están dotados, coa finalidade de garantir a seguridade no tránsito viario, ferroviario e peonil”, sinalou a deputada popular Julia Rodríguez.
Na súa intervención, Julia Rodríguez asegurou que “unha das principais prioridades trasladadas polo Goberno galego en relación coas infraestruturas do Estado en Galicia nesta lexislatura é que os cidadáns da provincia de Lugo conten con liñas e servizos ferroviarios competitivos e modernos, garantindo unha conexión de Lugo con Ourense, a través de Monforte, que permita que os lucenses se poidan beneficiar da alta velocidade ferroviaria, vexan reducidos os tempos de viaxe e poidan chegar a Madrid no entorno das tres horas”.
Así mesmo, lembrou que o Adif ten anunciado a súa intención de suprimir nos próximos anos 36 pasos a nivel entre Lugo e Ourense: 6 na liña Monforte-Vigo e 30 no tramo Monforte-Lugo da liña Palencia-A Coruña. “Cinco destes pasos a nivel están situados na propia cidade de Monforte, o que suporía un pulo importante para a mellora da seguridade e a eliminación destes puntos conflitivos”, apuntou.
Neste momento, o Adif ten en marcha os trámites para a contratación dos proxectos técnicos de supresión destes pasos a nivel, por un importe de 2,8 millóns de euros, divididos en nove lotes e organizados con criterios de proximidade e complexidade na solución.
HISTORIAL DE ACCIDENTES
Julia Rodríguez afirmou que Monforte é unha das localidades que conta cun importante número de pasos a nivel: oito, dos que seis están localizados na propia trama urbana. “Esta situación ten provocado un longo historial de accidentes, que incluso se cobraron vidas humanas”, lamentou a deputada popular. En concreto, referiuse ao episodio acontecido no paso a nivel da Florida no mes de decembro, cando unha muller perdeu a vida; ou o que tivo lugar no mes de abril nese mesmo paso, que case lle custa a vida a outro veciño deste barrio monfortino.
“Atendendo a todos estes accidentes rexistrados na cidade de Monforte, creemos que é necesario priorizar a supresión dos pasos a nivel para mellorar a seguridade dos cidadáns”, sinalou Julia Rodríguez.