Santiago, 30 de abril de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou este martes por unanimidade unha proposición non de Lei do Grupo Popular na que apoia á Xunta de Galicia na súa petición ao Goberno de España dunha resposta inmediata á proposta consensuada para a implantación do estaleiro 4.0 en Ferrol -vinculado ao programa de construción de cinco fragatas F110-, que suporá xeración dun número relevante de empregos e situará a Navantia na vangarda tecnolóxica do sector naval.
Na defensa da iniciativa, o viceportavoz popular, Miguel Tellado, lembrou que desde a moción de censura “os socialistas tiveron 10 meses parado o proxecto, cando o único que tiñan que facer era asinar a orde de execución e empregar os 252 millóns de euros que xa lles quedaran consignados nos últimos Orzamentos Xerais do Estado”. En cambio, optaron por facer efectiva esta sinatura uns días antes das eleccións. Do mesmo xeito, afeoulle á ministra de Defensa que aproveitase dúas visitas a Galicia en actos de partido para comunicar as novidades sobre o proxecto.
“Cremos que o Goberno central debe deixar de ver o naval como unha fonte de golpes de efecto e propaganda electoral, para traballar realmente no presente e no futuro de Navantia na comarca de Ferrol”, subliñou, para apuntar que agora mesmo non hai garantías de que exista carga de traballo durante os próximos dous ou tres anos nos estaleiros de Navantia mentres non se empeza a cortar chapa para as fragatas. De feito, incidiu en que “a única decisión que se adoptou vai precisamente na dirección contraria: quitar carga de traballo a Navantia Fene para levala a Cádiz”.
CLAVE PARA O FUTURO
Neste mesmo sentido, Tellado advertiu que é preciso que o Goberno empece canto antes a desenvolver as infraestruturas necesarias e os procesos produtivos que leven a Navantia a gañar posicións na fábrica do futuro. De aí a importancia de comprometer os orzamentos precisos para a posta en marcha do Estaleiro 4.0.
O voceiro de Industria dos populares explicou que a implantación deste proxecto é unha das claves de futuro do naval das vindeiras décadas, para reforzar a competitividade duns dos mellores estaleiros do mundo, potenciar novas liñas de actuación e diversificación da actividade e mellorar a eficiencia da actividade e consolidar o seu liderado internacional.
Así, reivindicou que desde o Grupo Popular son conscientes de que a Xunta non ten ningunha dúbida sobre a importancia deste proxecto, e así o demostra coa súa política de apoio integral ao sector naval “en estreita colaboración cos distintos estaleiros, a industria auxiliar, outras institucións e, por suposto, cos traballadores”, como se ten demostrado co papel fundamental que xogan as Unidades Mixtas de Investigación, como na que colaboran Navantia e a Universidade da Coruña co Centro Tecnolóxico AIMEN. A súa implicación no proxecto de estaleiro 4.0 plásmase no investimento de 7 millóns de euros, e que xa produciu grandes avances, como por exemplo os avances no Buque Intelixente.