Santiago, 26 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insiste ao Goberno de España que demande diante da Unión Europea e da Organización Mundial de Comercio (OMC) que se free a proposta de prohibir as subvencións á compra ou a cubrir os custos de combustible do sector pesqueiro, defendendo a igualdade global da actividade marítimo-pesqueira e a competitividade e sustentabilidade da frota galega.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, amosou a súa preocupación polas manifestacións realizadas por parte da portavoz do grupo dos Verdes, no que se integra o BNG, na Comisión de Pesca do Parlamento Europea ao afirmar que “as subvencións aos combustibles e as execcións fiscais no sector pesqueiro se teñen recoñecido desde hai moito tempo como subvencións prexudiciais que conducen a un aumento artificial da capacidade pesqueira e crean máis presión sobre as poboacións xa sobreexplotadas”. Neste sentido, demandan que “se recoñeza o impacto das exencións de impostos aos combustibles fósiles e ás subvencións prexudiciais, e que presionen por un acordo ambicioso nas negociacións da OMC que elimine gradualmente estas subvencións, con prazos concretos”.
“Pero é que, ademais, a portavoz do grupo do Verdes na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo está a recoller firmas para pedir o fin das bonificacións ao diésel para o sector da pesca, polo que é necesario denunciar o extremismo ambiental dos socios do BNG en Europa en prexuízo dos intereses do sector pesqueiro galego”, lamentou.
BANDAZOS DO GOBERNO CENTRAL
Así mesmo, Egerique lamentou “os bandazos e cambios de opinión que está a dar o Goberno de Pedro Sánchez nesta materia, sen unha postura firme para defender os intereses do sector pesqueiro español”. Deste xeito, e logo das declaracións realizadas polo ministro de Pesca e polo seu director xeral de Ordenación Pesqueira, “congratulámonos que o Goberno central rectifique e volva defender o mantemento do statu quo para evitar unha situación que deixaría en desvantaxe á frota galega e española”.
Para rematar, a portavoz popular afirmou que “todas as informacións acontecidas sobre este asunto desde o mes de setembro contribúen a aumentar a preocupación do sector sobre este tema”. “Por este motivo, consideramos que está máis que xustificado que o Parlamento galego volva debater esta cuestión para fixar o apoio á frota pesqueira galega e demandar un trato equitativo para todas as frotas do mundo”.
“Rexeitamos a eliminación xeneralizada do combustible bonificado para a frota pesqueira que propón a OMC, xa que pon en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego, que practica unha pesca responsable e sustentable en todos os mares nos que desenvolve a súa actividade”, apuntou Teresa Egerique.