Santiago, 22 de decembro de 2016.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar a creación dunha consulta especializada de enfermería oncolóxica no Hospital da Costa de Burela. O obxectivo é que este servizo complemente a prestación asistencial do novo hospital de día de oncohematoloxía posto en marcha na pasada lexislatura e que está a contribuír dun modo altamente eficaz á mellora da atención, tratamento e calidade de vida dos enfermos de cancro.
A deputada popular Encarna Amigo afirmou que esta consulta de enfermería oncolóxica no Hospital de Burela permitiría “seguir mellorando e complementando” o hospital de día de oncohematoloxía posto en marcha en novembro de 2014. En concreto, dixo que “hoxe existen dúas enfermeiras que atenden este servizo e o que queremos é reforzalo cunha enfermeira máis especializada na atención deste tipo de doentes, onde a sensibilidade e a transmisión de información específica é fundamental”.
“A posta en marcha da consulta de enfermería oncolóxica permitirá que os doentes conten cun persoal encargado de explicarlles os coidados que teñen que seguir, os efectos dos tratamentos e as fórmulas para palialos e, en xeral, resolver todas as dúbidas ou calquera cuestión referente á enfermidade”, apuntou a deputada popular.
Así mesmo, Amigo engadiu que esta nova consulta permitirá “diminuír o grao de ansiedade que produce a enfermidade e axilizar os procesos de valoración, así como a frecuencia das visitas dos pacientes á área de urxencias, como garantía para mellorar os obxectivos terapéuticos e de calidade de vida dos enfermos”.
PAPEL ESPECIAL
A deputada do Grupo Popular destacou que “os profesionais de enfermería oncolóxica “teñen un papel moi especial en ámbitos tan importantes como a prevención de complicacións e a detección e control dos efectos secundarios, coa finalidade de proporcionar atención especializada nos episodios críticos”. Ademais, sinalou que estes profesionais “incorporan aos coidados os aspectos psicosociais do enfermo e da súa familia, para conseguir unha atención integral que responda as necesidades dos mesmos”.
Encarna Amigo explicou que o hospital de día de oncohematoloxía de Burela ocupa unha superficie de 120 metros cadrados e conta con 12 postos para tratamentos “nos que os enfermos de cancro poden recibir os tratamentos de quimioterapia preto dos seus fogares e sen necesidade de desprazarse a Lugo ou A Coruña”. “Aída que a súa implantación foi progresiva ao longo do tempo, desde o mes de setembro as consultas xa funcionan os cinco días á semana, o que significa que o servizo xa está a pleno rendemento”, indicou.