Santiago, 25 de xaneiro de 2017.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a elaborar un programa de axudas específico para as familias monoparentais, “reforzando as políticas dirixidas ao benestar das familias e, sobre todo, das familias de especial consideración”, manifestou a portavoz de Asuntos Sociais, Marta Rodriguez Arias.
Na súa intervención, a portavoz popular sinalou que a Xunta de Galicia, xunto coas entidades e asociacións, está a traballar na posta en marcha do Plan galego de política familiar, no que se atenden dereitos fundamentais que repercuten directamente na vida familiar como o emprego, a vivenda, a sanidade, a educación ou a protección social. “Este plan contempla, entre outras medidas, a creación dun rexistro de familias monoparentais e un sistema de beneficios para estas familias”, apuntou.
ESPECIAL CONSIDERACIÓN
Marta Rodríguez lembrou que as familias monoparentais xa están integradas nas consideradas de especial consideración por parte da Lei de apoio á familia e á convivencia en Galicia
Esta norma establece un trato preferente para este tipo de familias; na adxudicación de prazas nas escolas infantís; na convocatoria de axudas do bono concilia e bono coidado; no acceso ás casas-niño; na valoración necesaria para acceder á Risga; nos programas de fomento de emprego e nas axudas destinadas á inserción laboral; e no Plan galego de vivenda.