Santiago, 7 de xullo de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e En Marea, unha proposición non de lei a través da que se solicita á Xunta para que vele porque o cambio de propiedade no Banco Pastor teña para Galicia o menor impacto posible sobre a concesión de crédito e o emprego, ao tempo que os axustes se fagan co maior acordo posible e defendendo os intereses dos traballadores no eido das competencias que ten a Administración galega.
A proposta aprobada esta mañá na Comisión 3ª do Parlamento galego tamén insta a solicitar da dirección do Banco Santander a compensación das perdas sufridas polos pequenos accionistas do Banco Pastor, tendo especial consideración cos que accederon a última ampliación de capital, de maneira que poidan recuperar o seu investimento.
MANTEMENTO DOS COMPROMISOS
Ademais, demándase ao Banco Santander que manteña os compromisos adquiridos polo Banco Popular coa Fundación Barrié, para que poda seguir desenvolvendo a súa labor social e cultural con recursos suficientes.
Outro dos puntos aprobados hoxe manifesta a solidariedade con todas as persoas que traballan no Banco Pastor, na súa Fundación e nas numerosas empresas auxiliares, así como coas persoas afectadas, coa clientela e co seu accionariado. Neste sentido, deféndese que o Banco Pastor teña condición xurídica de filial integrada dentro do grupo Banco Santander, tal e como sucedía na actualidade no grupo Popular-Pastor.
Por último, a proposición non de lei solicita aos órganos de supervisión bancaria e do mercado a investigación da últimas ampliacións de capital e emisións de accións co obxecto de determinar se os subscritores contaron con información clara, nidia e precisa para poder levar a cabo os seus investimentos.
O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou que con este acordo parlamentario “damos unha boa sinal de apoio aos traballadores do banco, da Fundación e aos pequenos accionistas, aos clientes e a todos aqueles que saben da importancia que ten a Fundación Barrié coas súas actividades en Galicia”.