Santiago, 27 de setembro de 2017.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, a instancias do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que se dirixa á Deputación de A Coruña para a creación da Mesa do Camiño de Santiago na provincia coruñesa, tal como xa foron constituídas nas outras provincias. Esta mesa establecerá logo a súa organización interna, con especial atención ás rutas xacobeas que discorren integramente pola provincia da Coruña: O Camiño Inglés e a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía.
A deputada popular María Antón manifestou que “ninguén pode poñer en dúbida os beneficios que xera o Camiño de Santiago para os concellos polos que discorre e para a sociedade en xeral”. “O carácter poliédrico do Camiño queda reflectido en todos os ámbitos nos que se manifesta ou inflúe: desde o aspecto económico, pola transacción de bens e servizos que xera ao seu arredor; ata o ámbito xurídico, pola necesidade de ordenar o espazo físico, os seus elementos funcionais e a súa protección”, apuntou.
Neste sentido, lembrou que a aprobación do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago en Galicia hai dous anos “responde a unha esixencia e un compromiso do Goberno galego coas rutas xacobeas, no só da parte física do Camiño, senón tamén da parte social”.
MÚLTIPLES AXENTES
“Esta visión integral e xeneralista é obvio que non pode recaer exclusivamente na Administración autonómica, xa que hai múltiples axentes públicos e privados implicados na consecución dos obxectivos que se marcan neste Plan Estratéxico”, manifestou María Antón.
Deste xeito, concretou que “establecer unha mesa de traballo que permita mellorar a gobernanza do Camiño de Santiago debe ser interese de todos os grupos parlamentarios, porque se trata de crear sinerxias e sumar esforzos tanto materiais, como humanos e financeiros”.
“Por este motivo, solicitamos á Xunta que se dirixa á Deputación de A Coruña para que, xunto aos concellos afectados, procure a creación dunha mesa de traballo, por entender que a Deputación é a administración máis axeitada ao ser o órgano que representa aos concellos na provincia e mesmo xa ten programas destinados ao Camiño”, indicou.
MELLORA DOS CAMIÑOS
María Antón que esta mesa de traballo dirixirá principalmente as súas accións cara o Camiño Inglés, por ser a continuación das peregrinacións marítimas do norte de Europa; e o Camiño de Fisterra-Muxía, por ser un camiño de ida e volta dado que tamén hai peregrinación desde Fisterra e Muxía cara Santiago.
“Que estes dous camiños discorran integramente na provincia de A Coruña é unha avantaxe porque delimita perfectamente os actores a un territorio máis pequeno, máis homoxéneo e, polo tanto, debería ser sinxelo coadxuvar todos os intereses cara o mesmo fin, que non é outro que a mellora constante e diaria dos Camiños”, sinalou a deputada popular.