O Parlamento de Galicia aprobou, esta semana, por unanimidade, a iniciativa do Grupo Popular na que se insta ao Goberno central a axilizar a rehabilitación do convento de San Francisco para que acolla a nova sede do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
O deputado García Comesaña lamentou “as numerosas dilacións” nos traballos e que, tal e como indicou, cada atraso na posta en funcionamento da nova sede supón prolongar unha situación que limita a adecuada custodia da memoria documental da provincia e dificulta, tamén, o acceso á cidadanía, investigadores e administracións aos fondos esenciais para a preservación da nosa historia.
O Arquivo Histórico Provincial custodia arredor de once quilómetros de documentación histórica e administrativa. “Un centro que leva décadas realizando un labor exemplar, pero que se atopa cun problema evidente de falta de espazo”, indicou. De aí que, en 2024, o Goberno do Estado anunciase o traslado do arquivo ao antigo convento de San Francisco e a rehabilitación desta localización. “Dous anos despois, seguimos sen ter un calendario claro nin prazos concretos, pero, pola contra, seguimos acumulando atrasos”, dixo o deputado popular.
Tal e como incidiu, “non estamos ante un caso illado”, xa que outras infraestruturas culturais de titularidade estatal en Galicia, como o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e a Biblioteca do Estado en Vigo, acumulan atrasos reiterados: “Menos anuncios e máis execución, menos promesas e máis resultados, e menos titulares e máis obras rematadas”. Para rematar, García Comesaña demandou ao Goberno central “planificación, axilidade e o cumprimento dos compromisos adquiridos”.