Santiago, 9 de outubro de 2019.- O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, solicitou hoxe ao PSdeG que esixa a dimisión do seu concelleiro de Sobrado dos Monxes responsable dos depósitos sen licenza aparecidos nos montes destes concello coruñés.
O Grupo Popular apoiou no Pleno do Parlamento galego demandar á Xunta que proceda á busca, selado e posterior eliminación dos depósitos de lodos sen licenza aparecidos nos montes de Sobrado dos Monxes. Neste sentido, Trenor solicitou que se efectúen as inspeccións debidas á empresa responsable destes depósitos de lodos “e chegue ao fondo do problema para determinar os responsables e adoptar as medidas oportunas ao respecto”.
Gonzalo Trenor lembrou que “a Xunta ten actuado neste problema desde o primeiro momento que tivo coñecemento destes feitos, recabando de forma áxil e rápida toda a información necesaria para que se puidera facer unha investigación exhaustiva que permitira chegar ao fondo do problema”.
Neste sentido, o portavoz popular sinalou que estes depósitos de lodos “non teñen ningún tipo de licenza”, polo que criticou ao Grupo Socialista no Parlamento que “amparen unha conduta irregular dos seus compañeiros no Concello de Sobrado e non esixan responsabilidades por estes feitos”.