O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) dependente do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible dispón na provincia de Lugo de 74 inmobles baleiros que na actualidade non teñen ningún tipo de uso, segundo confirman en resposta escrita aos senadores do PP lucense José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano.
Os senadores populares interesáronse por coñecer o número de vivendas e o seu estado de conservación toda vez que “hai demanda de vivenda e o Goberno do Estado dispón de propiedades que na actualidade non están a ser empregadas e que poderían ser habilitadas para outros fins”. De feito, Adif recoñece que “mantén aberta a posibilidade de cesión ou disposición de inmobles”; o que revela que “na práctica non está a desenvolver unha política activa en materia de vivenda”.
“A falta de traballo do Goberno de Sánchez” esténdese, non só á falta de iniciativas para dotar de novos usos a estas propiedades na provincia, senón tamén no ámbito da conservación destes inmobles propiedade de Adif.
De feito, Adif asegura que “continúa traballando na xestión eficiente do seu patrimonio inmobiliario co obxectivo de optimizar o seu uso (…) e contribuír, na medida do posible, ao desenvolvemento territorial e social”; pero tamén recoñece que “dos 74 locais e vivendas dispoñibles ningún se atopa en boas condicións de conservación” e, incluso, 10 xa se atopan en estado ruinoso.
COMPROMISO ORZAMENTARIO A PROMESAS SEN CUMPRIR
“Mentres que o Goberno de Sánchez fai anuncios en materia de vivenda que non chega a cumprir, o Goberno galego avanza no seu obxectivo de duplicar o parque de vivenda pública en Galicia para o 2028”, aseguran os senadores. De feito, das 4.000 novas vivendas xa están en marcha preto de 3.000.
Os senadores lembran que “o Goberno de Sánchez continúa sen presentar uns Presupostos actualizados porque está máis preocupado doutras cousas que de gobernar”. En cambio, “o Goberno galego presentou as súas contas en tempo e forma”. E en materia de vivenda os Orzamentos da Xunta prevén para o 2026 preto de 29M€ para construír vivendas de promoción pública na provincia. Ademais, reserva 5M€ para unha oferta pública de adquisición de baixos na Comunidade para transformalos en vivenda pública de calidade e con carácter permanente.