O PP de Verín instou, hoxe, ao Goberno central a que axilice a homologación de títulos de formación superior de estranxeiros para reforzar a inserción laboral cualificada e que lles permita acceder a postos de traballo acordes á súa formación.
O coordinador do PP de Verín e deputado autonómico, Víctor Baladrón, lamentou que o Executivo de Pedro Sánchez tarde unha media de entre tres e cinco anos para resolver un expediente, o que dificulta a integración laboral dos profesionais afectados. Neste senso, incidiu na súa alta cualificación e en como se ven atrapados nun limbo administrativo ao chegar a España e, polo tanto, “sen poder optar a postos de traballo para os que están formados”. “Esta demora –engadiu Baladrón- supón unha perda de talento e de oportunidades, tanto para as persoas afectadas como para o conxunto da sociedade”.
Durante un encontro de traballo con Inma Hervella, responsable da área social do PP de Verín, e con Jackeline Osorio, encargada da área de atención a migrantes e á veciñanza estranxeira, o portavoz local, acompañado do deputado autonómico Juan Casares, abordou as principais preocupación deste colectivo, así como tamén as liñas de actuación que cómpre reforzar no ámbito da inserción laboral.
E recordou que, a principios deste ano, o Parlamento de Galicia, precisamente a raíz dunha iniciativa do Grupo Popular, solicitou ao Goberno central a que incrementase, con carácter urxente, a dotación de recursos humanos e materiais co obxectivo de dar resposta eficaz á tramitación das solicitudes de homologación, de declaración de equivalencia ou de convalidación de títulos universitarios estranxeiros que están pendentes de resolución, tendo en conta, ademais, as recentes sentencias do Tribunal Supremo.
INCLUSIÓN, FORMACIÓN E IGUALDADE DE OPORTUNIDADES
Por outra banda, Juan Casares recordou que o Goberno galego está a traballar na reclamación da asunción da competencia sobre autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras en Galicia. O obxectivo, sinalou, é poder axilizar os trámites e mellorar a resposta ao reto demográfico e ás necesidades reais do mercado laboral galego.
Así mesmo, fixo fincapé nas políticas orientadas a favorecer a inclusión, a formación e a igualdade de oportunidades. Referiuse á Estratexia Galicia Retorna, coa que a Xunta favorece a incorporación de coñecementos e experiencias de profesionais, nacidos ou residentes no estranxeiro, á industria local. E, tamén, ao programa Retorna Talento FP, unha iniciativa que permite que os galegos residentes no estranxeiro –tanto emigrantes como os seus descendentes- cursen formación profesional na nosa Comunidade e se incorporen ao mercado laboral.