Madrid, 10 de febreiro de 2017.- O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, chegou este venres a Madrid para participar no XVIII Congreso Nacional do Partido Popular e destacou que os populares galegos acoden a esta cita con vontade de “contribuír á renovación do ideario do partido para seguir sendo útiles aos cidadáns, cuns postulados actualizados que sirvan para afrontar os desafíos comúns que temos por diante nos próximos anos”.
Tellado recalcou o “papel decisivo” do PP galego neste Congreso, xa que Alberto Núñez Feijóo foi membro destacado da Ponencia económica e de Administración territorial, un dos documentos máis relevantes no contexto político actual, no que España debaterá a reforma do modelo de financiamento autonómico e se traballa para consolidar a recuperación da economía.
Tamén lembrou que a expedición galega é unha das máis numerosas, con 450 integrantes entre compromisarios e convidados, xa que a Comunidade se atopa entre as que máis militantes achegan ao partido. “Somos unha excepción en resultado electoral porque tamén temos unha militancia excepcional”, subliñou.
ACHEGAS Á PONENCIA SOCIAL
Tellado puxo de relevo que o PPdeG fixo múltiples achegas á Ponencia social, que se debate mañá no Congreso. Estas emendas, que asina o secretario xeral xunto ao conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, levan ao documento algúns dos asuntos que tocan máis directamente a Galicia. Por exemplo, reclaman o compromiso do Goberno central para financiar de xeito adecuado os servizos de atención ás persoas maiores dependentes ou que viven soas que prestan as comunidades autónomas, ademais de ter en conta criterios como a dispersión poboacional á hora de garantir o acceso a estes servizos.
O PPdeG tamén realizou emendas no eido da dinamización demográfica, para pedir que se incorporen aos contratos públicos cláusulas sociais que favorezan ás empresas que aplican medidas de conciliación ou para que se estude a posibilidade de impulsar unha baixada no IVE dos cueiros, unha demanda que xa se fixo durante a campaña das eleccións autonómicas e que agora se leva ao PP nacional. Estas achegas son boa mostra da “vontade de trasladar o modelo da Xunta ao conxunto do país”, indicou Tellado.
UN PARTIDO UNIDO
O secretario xeral fixo referencia ao “contraste” que ve entre a cita do PP e a outra que se celebra este mesmo fin de semana tamén en Madrid, a de Podemos. “Quixeron contraprogramar o noso Congreso para comparar os proxectos e lográrono. Mentres Podemos se atopa sumido nunha guerra civil e centrado nas súas loitas internas, o PP sae máis unido, máis forte e con máis ganas de seguir ao servizo de España e de Galicia”, subliñou.