A viceportavoz do Grupo Parlamentario Popular e secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, afeou, esta mañá, a radicalización do BNG e acusouno de poñerse de perfil ante “actos de odio”: “Non se pode pretender liderar Galicia mentres se xustifica ou se cala ante a intolerancia”.
Así, referiuse ao acontecido nas rúas de Santiago, o pasado 25 de xullo, no que un grupo de manifestantes, ataviados con simboloxía independentista, protagonizou a queima pública da bandeira de España: “O que vimos este día é a mostra máis clara de como entende o independentismo a nosa festa autonómica: enxalzando o odio”. Un acto, remarcou, que amosa desprezo, odio e unha grave ofensa para a inmensa maioría dos cidadáns, que “se senten orgullosamente galegos e orgullosamente españois”.
UN PRONUNCIAMENTO FIRME E SEN FISURAS
Por este motivo, anunciou unha proposición non de lei, rexistrada por vía de urxencia, para “alzar a voz” ante os que atentan contra os símbolos institucionais e para preservar a calidade democrática da nosa Comunidade: “Galicia necesita un pronunciamento claro, firme e sen fisuras a favor do respecto ás nosas institucións e ao marco de convivencia que nos debemos todos”. Unha iniciativa motivada, dixo, pola “radicalización e a estratexia de confrontación dos que, como o BNG, prefiren poñerse de perfil ante os actos de odio en lugar de defender os símbolos de todos”.
Para Prado, esta iniciativa non só busca censurar a acción dunha minoría radical, senón tamén denunciar “a complicidade política de quen lle dá cobertura”. Esixiu a máis firme condena por parte de todas as forzas políticas deste Parlamento, ao tempo que instou a rexeitar a utilización do Día de Galicia para promover mensaxes de odio, confrontación ou radicalización contra os símbolos institucionais compartidos. E aproveitou, tamén, para facer un chamamento a preservar un clima de respecto mutuo.
“O independentismo celebra o Día de Galicia desprezando a Galicia: os seus símbolos, as súas institucións, a súa historia e, tamén, a súa cultura”, sinalou Paula Prado. “Son incapaces –engadiu- de celebrar poñendo en valor todo o que nos une”; e, pola contra, enxalzan por sistema o non a todo, apelan constantemente á división e debuxan unha Galicia escura e en negativo.
OS FRECUENTES ATAQUES A SÍMBOLOS COMÚNS
Do mesmo xeito, fixo fincapé nos frecuentes ataques a símbolos comúns de Galicia perpetrados por parte das “minorías nacionalistas, independentistas e rupturistas”.
Así, recordou o recente “discurso radical de Galiza Nova”, onde apelaba continuar coa loita e enxalzaba a figuras como Moncho Reboiras; e denunciou a súa estratexia de apropiación e maltrato do que é de todos. “Cren que a rúa é súa e enchen o espazo público con total impunidade de carteis, pintadas e pancartas partidistas”, apuntou Paula Prado, que continuou advertindo o uso partidista de lugares como o Panteón de Galegos Ilustres ou a manipulación “sen complexos” do legado cultural de Rosalía de Castro e de Castelao.