Santiago, 4 de decembro de 2019.- A portavoz de Educación do Grupo Popular, María Antón Vilasánchez, afirmou hoxe no Parlamento que a Xunta “seguirá exercendo as súas competencias para que o Conservatorio Superior de Música de Vigo desenvolva as súas actividades nas mellores condicións”.
María Antón explicou que “a complexa configuración arquitectónica do edificio, con máis de 50 anos de antigüidade, e as sucesivas reformas, empezando polas de adaptación da vivenda para o novo uso docente, dificulta identificar de xeito sinxelo e rápido a orixe dos problemas de humidades”.
“Neste intres, a unidade técnica da Consellería de Educación está realizando un estudo pormenorizado das entradas de auga no edificio, a fin de concretar unha diagnose do problema e proceder posteriormente á realización das obras oportunas”, apuntou.
A portavoz popular criticou que os socialistas “volvan traer esta proposta ao Parlamento galego logo de renunciar a unha pregunta sobre o mesmo tema á conselleira de Educación e esquecerse do Conservatorio de Vigo nas emendas que o grupo socialista rexistrou aos orzamentos da Xunta para 2020”.