Santiago, 8 de maio de 2019.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco garantiu hoxe no Pleno do Parlamento que “as instalacións das empresas Sologas e Xiloga, xunto co Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia, localizadas no concello de As Somozas están sometidas á Lei de prevención e control integrados da contaminación”.
Ademais, as citadas empresas dispoñen das correspondentes autorizacións ambientais integradas e se atopan baixo un estrito control e seguimento por parte da Xunta.
En resposta á proposición non de lei defendida polo BNG, Moisés Blanco afirmou que “nada de inspeccións nin controis oportunos, porque o que se está a facer é o cumprimento estrito da lei, que xa establece abondosos protocolos de analíticas e controis nos produtos fertilizantes de uso agrícola derivados das lamas de depuración para que se manteñan sempre por baixo dos parámetros esixidos pola legalidade vixente e a integridade dos solos agrícolas”.
“Os galegos deben ter a completa seguridade de que o Goberno galego non mira cara outro lado nin fuxe das súas responsabilidades, e para isto non improvisa senón que planifica a través dos plans de inspección ambiental de Galicia 2013-2018 e 2019-2024, desenvolvidos mediante programas anuais sobre instalacións galegas, en particular as dedicadas á xestión de residuos e, moi especialmente, aquelas para as que se esixe autorización ambiental integrada”, apuntou.