Santiago, 18 de setembro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos asegurou hoxe no Parlamento galego que “Galicia terá un fiscal delegado contra a corrupción se así o decide a Fiscalía Xeral do Estado, e chegado ese momento esta decisión contará co apoio leal da Xunta”.
Alberto Pazos afirmou que o PPdeG “sempre estará a favor de dotar á Xustiza dos medios necesarios para desenvolver as súas funcións, tanto no que se refire a xuíces como a fiscais, pero sempre partindo dunha premisa básica: a asignación de recursos debe facerse atendendo ás necesidades establecidas polos xuíces e fiscais atendendo a criterios técnicos”.
Neste sentido, criticou que os grupos da oposición “pretendan substituír o criterio técnico polo criterio da oportunidade política, de xeito que prefiren prescindir do rigor técnico para primar a súa mensaxe partidista”.
DECISIÓN DE CARÁCTER ORGANIZATIVO
“Non cabe crear unha Fiscalía anticorrupción, pero si se pode designar un fiscal delegado para anticorrupción”, indicou o deputado popular, quen engadiu que “a designación deste fiscal é de carácter organizativo e non depende da dispoñibilidade de medios da Xunta, como si ocorre no caso de órganos xudiciais”.
Pazos manifestou que “non imos pasar por enriba das decisións da Comisión Mixta Xunta-Tribunal Superior de Xustiza, como xa nos solicitaron desde os grupos da oposición en distintas ocasións, nin o imos facer agora coa Fiscalía Xeral do Estado”.