Santiago, 25 de maio de 2021.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez asegurou hoxe no Pleno do Parlamento que “facer plantexamentos estratéxicos baseados no monolingüismo, como fai o BNG, o único que conseguen é dar as costas á sociedade”.
“Traballemos polos galegos, traballemos coa nosa mocidade, e traballemos porque cada día sexan máis os galegos que coñecen e promoven o galego, o castelán e as linguas estranxeiras”, engadiu.
Sandra Vázquez salientou que “a nosa lingua ten o seu lugar no sistema educativo de Galicia onde se atopa en igualdade de condicións co castelán, sen que isto supoña renunciar ao aprendizaxe doutros idiomas estranxeiros”. Deste xeito, apuntou que “os idiomas non compiten entre si, senón que a adquisición dunha lingua favorece e alimenta a aprendizaxe das seguintes, e abre oportunidades de crecemento persoal, social e laboral”. “É unha labor de todos a promoción da nosa lingua, da nosa identidade e, en definitiva, da nosa cultura”, subliñou.
POTENCIAR ENTRE A XUVENTUDE
Na súa intervención, a deputada popular avogou por “seguir traballando desde as administracións no fomento do idioma galego, pero como sociedade no seu conxunto”. Neste sentido, lembrou que “o Goberno galego vén de presentar un proxecto ambicioso, o Proxecto Nós, para traballar precisamente nese ámbito, e invito ao resto das administracións que, si realmente teñen interese, fagan o mesmo”.
Segundo Vázquez, este proxecto “pretende potenciar o uso entre a xuventude, co obxectivo de que o idioma galego se incorpore e participe nos novos desenvolvementos tecnolóxicos, de forma que se poida interactuar a lingua co mundo dixital ao mesmo tempo que o inglés ou o castelán”.