Santiago, 3 de febreiro de 2022.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a abordar o conflito existente no Servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital de Santiago, atendendo ás demandas feitas polo persoal facultativo deste servizo. A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo lembrou que a Xunta “mantivo o diálogo desde o primeiro momento con todos os profesionais deste servizo para identificar os problemas e acadar solucións”, pero explicou que esta cuestión “non se resolverá mentres o Servizo de Inspección Sanitaria non se pronuncie respecto á apertura ou non dun expediente”.
Rodríguez-Vispo sinalou que “estamos a falar de problemas internos dun servizo do Hospital de Santiago, os mesmos que poden ocorrer noutros hospitais ou centros de traballo, tanto do ámbito público como privado, e son produto das complicadas relacións humanas”.
Ademais, recordou que desde o pasado mes de xuño a Xerencia do Hospital compostelán “mantivo xuntanzas cos facultativos e o xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía para intentar solucionar o problema, e elaborouse un informe sobre os feitos denunciados que se trasladou á Inspección Sanitaria para a súa valoración e para a investigación previa sobre os feitos relatados polos profesionais”.
A deputada popular sinalou que “a única reivindicación segue sendo o cese do xefe do Servizo de Otorrinolaringoloxía, unha cuestión que non se resolverá mentres o Servizo de Inspección Sanitaria non se pronuncie respecto da posible apertura dun expediente”.
Sobre a incidencia da folga deste servizo na atención aos pacientes, Marta Rodríguez-Vispo afirmou que “é unha das preocupacións da Xerencia do Hospital e por iso estanse axendando as consultas non realizadas en canto hai ocos dispoñibles e á maior brevidade”.