Santiago, 22 de setembro de 2017.- O Grupo Popular apoiou hoxe no Parlamento galego a aprobación dunha proposición non de lei a través da que se solicita ao Goberno central que consigne unha dotación orzamentaria para proceder ao nomeamento de xuíces substitutos para o que queda de ano, que permitan atender as situacións de colapso máis urxentes e aquelas que teñen impacto específico na loita contra a violencia de xénero.
En concreto, demándase o nomeamento provisional de dúas persoas maxistradas para desatascar os problemas en concreto dos xulgados de violencia de Vigo e de A Coruña.
O deputado popular Alberto Pazos lembrou que tanto o Goberno galego como o PPdeG “se teñen pronunciado a favor de mellorar os medios materiais necesarios para combater a violencia machista no ámbito policial, no ámbito social ou no ámbito da xustiza”. Así, indicou que “o Goberno galego tense amosado favorable en reiteradas ocasións a reevaluar continuamente as ferramentas das que nos temos dotado para combater esta lacra, co fin de melloralas progresivamente en beneficio das vítimas de violencia machista”.
IRRESPONSABILIDADE DAS “MAREAS DE PODEMOS”
Alberto Pazos considerou “un enorme exercicio irresponsabilidade as declaracións realizadas por distintos representantes das Mareas de Podemos en relación coa violencia machista”.
En concreto, criticou que “mentiron flagrantemente cando afirmaron que os xulgados de violencia de xénero se pechan durante as vacacións do titular do xulgado” e subliñou que “esa mentira ten gravísimas consecuencias para as vítimas de violencia de xénero, que precisan saber con seguridade que van a ser atendidas cando decidan dar o complicado paso de denunciar a súa situación”. O deputado popular reprochou que “volveron a mentir cando negaron ter realizado esas afirmacións”, acusando aos membros “das Mareas de Podemos de crear unha situación de alarma social con absoluta irresponsabilidade para a continuación, con total desfachatez, negar as súas palabras”.