Santiago de Compostela, 20 de maio de 2016.- O secretario do PPdeG e director de campaña para as vindeiras eleccións xerais, Miguel Tellado, asegurou que os populares farán unha campaña que aposte por maiores fórmulas de participación, facendo menos mítines, con máis presenza na rúa, máis conversa cos veciños, e con “menos moqueta e máis beirarrúas”.
Tras presidir o primeiro Comité de Campaña do PPdeG para os próximos comicios nacionais, o dirixente admitiu que xa teñen en marcha toda a maquinaria electoral do partido nas catro provincias para permitirlles sacar os resultados que merece o PPdeG, que é a primeira forza política na nosa comunidade.
Nesta liña, indicou que traballan no deseño dunha campaña que vai vir marcada polo clima xa que non é mesmo facer unhas eleccións en decembro que en xuño, podendo aproveitar as posibilidades climatolóxicas para sacar a campaña á rúa.
Tellado tamén apuntou que os populares explicarán nestes comicios cal é o seu proxecto de futuro para o país e cales son os riscos que corre España se cae en mans dun partido como Podemos ou dunha coalición -necesaria para evitar que goberne o PP- que estaría formada polo partido de Pablo Iglesias, o PSOE e partidos separatistas e da esquerda máis radical.
O dirixente afirmou que farán unha campaña “moi en positivo”, ao tempo que explicaba que non ten sentido entrar na estratexia de crispación que leva a cabo a oposición e que apelarán á razón e a criterios obxectivos que demostran que o mellor para o noso país é que continúe habendo en España un Goberno do PP.
No plano político, tamén asegurou que estes serán uns comicios diferentes, xa que en decembro o enfrontamento era entre o PP e o PSOE pero, tralo ocorrido nos últimos meses, agora a polarización será entre o PP e Podemos. Nesa liña, tamén engadiu que Podemos estalle pasando pola esquerda ao PSOE e que eles serán o eixo central da esquerda en lugar dos socialistas.
Por último, subliñou que asumen o reto co obxectivo irrenunciable de seguir sendo o primeiro partido de Galicia e o referente da maioría dos galegos xa que “só o PP garante a estabilidade política e institucional que é o que precisamos para seguir crecendo no plano económico e para seguir creando emprego, que é o que máis preocupa á cidadanía”.