O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, subliñou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “a xestión da pandemia da Xunta foi exemplar”, polo que “non existe nin un so motivo para cuestionar as contratacións de emerxencia realizadas durante a pandemia”. Neste sentido, criticou que o BNG “se dedique a espallar infundios en lugar de activar o mecanismo regulamentario do que dispón o seu grupo parlamentario para crear automaticamente unha comisión de investigación”. “Hai 9 anos que dispoñen desta posibilidade e aínda non o utilizaron unha soa vez, porque prefiren amagar e insultar”, indicou.
Alberto Pazos explicou que o informe do Consello de Contas sobre as contratacións de emerxencia realizadas pola Xunta durante a pandemia “non recolle graves irregularidades, como afirman desde o BNG de forma torticeira, senón unha serie de recomendacións a considerar no caso de que se repetise unha situación de emerxencia semellante no futuro”.
MENTIRAS, MANIPULACIÓNS E DELIRIOS
“Menten cando afirman que non se facilitaron expedientes das catro áreas sanitarias, manipulan vertendo sospeitas sobre o destino de 159 millóns de euros do fondo Covid-19 e deliran cando verten sospeitas porque algúns contratos demoraron a entrega máis dun mes”, dixo o portavoz popular, quen criticou que a proposta dos nacionalistas sexa “devolver este material sanitario en plena pandemia por un retraso nuns días de entrega”.
Pazos apuntou que foi o Consello de Contas quen decidiu fiscalizar a fondo as áreas sanitarias de A Coruña, Vigo e Santiago como mostra representativa, pero indicou que “no anexo 5 do informe figura a relación completa da contratación realizada”. Deste xeito, cualificou de “deplorable” que a letrada do Consello de Contas e agora deputada socialista “manipule de forma tan groseira o informe do órgano no que exerceu as súas funcións”.
O portavoz popular incidiu que “non existe nin un so motivo para cuestionar a contratación de emerxencia realizada pola Xunta durante a pandemia” e afirmou que “si existisen sospeitas dalgún ilícito teríase activado o protocolo de colaboración entre o Consello de contas e a Fiscalía, cousa que non aconteceu”.
EFICACIA DA XUNTA
Así mesmo, Alberto Pazos lembrou algúns dos fitos da eficacia que acadou Galicia durante a xestión da pandemia: a primeira comunidade autónoma en completar a desescalada e acadar a nova normalidade; a primeira autonomía en alcanzar o 95 por cento de vacinación en maiores de 12 anos; a única comunidade en superar o 70 por cento de vacinación pediátrica; coa taxa máis baixa de mortalidade xeral da península e a taxa de mortalidade en maiores de 60 anos máis baixa de España”.
Para rematar, Pazos criticou que, “a mesma mañá que o BNG aplaudía a decisión de Pedro Sánchez de continuar á fronte do Goberno de España despois de cinco días de profunda reflexión logo de que un xulgado de Madrid admitira a trámite unha denuncia contra a súa esposa por presunto tráfico de influencias, rexistraba a iniciativa solicitando a creación dunha comisión de investigación sobre as contratacións realizadas pola Xunta durante a pandemia, o que acredita o seu cinismo político e que ten por único obxecto o ataque persoal e continuar enlamando a política galega”.
“Mentres esquerda galega levan meses espallando bulos e utilizando as institucións para atacar a familiares de líderes do PP, escandalízanse cando son as súas familias as salpicadas por actuacións inadmisibles en calquera democracia consolidade”, indicou.