Santiago, 9 de febreiro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira destacou hoxe que a Xunta vén mellorando á alza o tempo de redución da xornada laboral dos empregados públicos para o coidado de fillos con enfermidades graves, fixando un chan superior á metade da xornada.
En concreto, Moreira explicou que, ante as dúbidas suscitadas pola interpretación da lei, a Xunta xa ten modificadas as instrucións de 24 de febreiro de 2016, tal e como se pode comprobar na páxina web da Administración galega e se publicará proximamente no Diario Oficial de Galicia. Deste xeito, queda aclarado que a redución da xornada laboral dos empregados públicos é de alomenos de catro horas diarias.
SENSIBILIDADE DO GOBERNO GALEGO
“O Goberno galego amosa a súa sensibilidade coa situación persoal dos traballadores públicos para atender ao coidado dos fillos cunha enfermidade grave que implique un ingreso hospitalario de longa duración ou hospitalización a domicilio das mesmas características e que requira a necesidade do seu coidado directo, continuo e permanente”, indicou.
Jacobo Moreira lembrou que a Lei 2/2015 de emprego público de Galicia fixa un mínimo de redución da metade da xornada laboral, “pero a Xunta sempre foi máis alá e aplicou un mínimo de redución de máis do 53 por cento”. Ademais, esta redución tense ampliado nalgún caso ata o 80 por cento da xornada para situacións moi específicas de necesidade.