Santiago, 21 de maio de 2021.- O deputado do Grupo Popular Ovidio Rodeiro asegurou hoxe no Parlamento que o Castro Valente, localizado nos concellos de Padrón e A Estrada, está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e nos plans xerais de ordenación municipal, polo que “goza dun nivel de protección moi elevado que fai necesario, por exemplo, que a Xunta autorice calquera tipo de intervención, tanto no propio ben como na súa contorna”.
Ovidio Rodeiro lembrou que os bens catalogados gozan dun réxime de protección que inclúe a capacidade de acceso do persoal habilitado para a función inspectora e ao persoal acreditado pola Administración, así como o deber de comunicación dos titulares sobre calquera dano ou prexuízo que sufra o ben e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.
“Todas as intervencións en bens catalogados teñen que ser autorizadas pola Xunta”, asegurou o deputado popular, polo que demandou aos socialistas galegos “prudencia para evitar xerar preocupación e alarmas inxustificadas sobre o patrimonio galego”.