Santiago, 8 de outubro de 2019.- O proxecto de Lei de medidas de garantía do abastecemento nos episodios de seca e nas situacións de risco sanitario continuará a súa tramitación parlamentaria logo de superar esta mañá o debate de totalidade na sesión plenaria. O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, concretou que o obxectivo deste novo texto lexislativo “é garantir o subministro de auga en cantidade e calidade a todos os galegos”.
Gonzalo Trenor afirmou que a nova lei “respecta en todo momento a autonomía local” e considerou “necesaria a colaboración tanto dos concellos, porque son os que mellor coñecen as súas necesidades, como das grandes empresas, para controlar o consumo”.
MECANISMO DISUASORIO
Neste sentido, apuntou que “se establece un mecanismo disuasorio para fomentar un uso responsable da auga”. “Non é asumible o nivel de perdas que temos”, sinalou o portavoz popular, quen dixo que “se está a perder un 40 por cento da auga polas malas canalizacións existentes”. Deste xeito, fixou como obxectivo situar as perdas da auga por baixo do 20 por cento.
“O que buscamos é unha mellora da xestión que repercuta na consecución de obxectivos medioambientais”, manifestou Trenor, que avanzou que “agora comeza un trámite parlamentario en ponencia e comisión deste proxecto de lei, onde o Grupo Popular estará aberto a escoitar e incorporar todas aquelas medidas que poidan mellorar o texto inicial”