A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, pediu hoxe a BNG e PSdeG que “deixen de alarmar coa atención que a Xunta prestará aos menores migrantes non acompañados enviados polo Goberno central, porque van recibir atención, tanto a nivel sanitario, como educativo e social, a pesar da falta de información e talante ditatorial que está a amosar o Goberno de Pedro Sánchez neste asunto”.
Raquel Arias explicou que, ante a imprevista chegada dos primeiros cinco menores dos 317 que o Goberno de España xa anunciou que enviará a Galicia, o Goberno galego “viuse na obriga de buscar unha solución urxente para o seu acollemento poñendo en marcha recursos específicos para a súa atención”.
SOLUCIÓNS DE URXENCIA
Neste sentido, lembrou que “o Goberno galego xa avisou, por activa e por pasiva, que era imposible a integración deste importante número de menores no modelo de protección á infancia do que gozamos en Galicia, baseado na integración e a convivencia en pequenos fogares, o que obrigou a buscar solucións de urxencia que garantan, en todo momento, o seu benestar e integración social”.
“O talante autoritario do Goberno de Pedro Sánchez, a ausencia dunha política migratoria e o seu pacto cos independentistas cataláns, respaldado polo cinismo dun BNG que no Congreso votou a favor deste reparto de menores por toda España, agás en Cataluña e o País Vasco, obrigou á Xunta a rachar co sistema de protección existente en Galicia, caracterizado por ser un dos máis integradores e inclusivos de España”, sinalou a deputada popular.
Ademais, Arias criticou a “desvergonza” amosada hoxe polo PSdeG ao reducir a 244 os menores inmigrantes que o Goberno central enviará a Galicia, “unha cifra que descoñecemos de onde a sacan e que dubidamos sexa real, tendo en conta, ademais, os antecedentes que temos co envío de migrantes adultos á Comunidade galega o pasado ano: dos 470 migrantes que anunciara nun primeiro momento o Goberno central a cifra real subiu ata superar os 2.000”.