Santiago, 11 de setembro de 2018. A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Novoa, salientou esta tarde no Parlamento a “necesidade” de baixar o prezo da electricidade, pero non da forma que propón En Marea, baixando o IVE da enerxía eléctrica”, xa que tal e como indicou, así “só prexudicaríamos a recadación de impostos que van dirixidos ás comunidades autónomas para a súa financiación, para a educación, para a sanidade…”. “Non vexo a bondade da súa iniciativa se, por un lado, piden baixar o IVE e por outro preténdese crear novos impostos como o imposto ao diésel”, dixo Novoa, quen indicou que con medidas deste tipo “o único que se consegue é crear incerteza nos usuarios, nas empresas e nos miles de traballadores do sector enerxético”.
Neste senso, a deputada popular avoga pola baixada do prezo da electricidade xerando máis enerxía renovable. Así, recordou que o anterior Goberno central tramitou dúas importantes poxas de enerxía renovables, eólica e fotovoltaica: «Un modelo de poxa sen primas e sen deixar herdanzas en forma de débeda e sen incrementar o déficit tarifario”.
Tamén aproveitou para destacar que o Goberno galego permitirá a rápida instalación de novos parques eólicos que, ademais de crear emprego de calidade, permitirán contribuír á baixada do prezo da electricidade. “Estas son as medidas que hai que tomar”, subliñou.
Por outra banda, Marta Novoa recordou que xa hai un bono social en marcha, que a Xunta pon a disposición dos usuarios axudas complementarias e que o Instituto Galego de Consumo xa tramita todas as reclamacións en materia enerxética que se producen na nosa comunidade.
A deputada popular destacou que a Xunta “si actúa” na atención das persoas máis vulnerables. Desde hai catro anos, o Goberno galego leva axudando a máis de 13.000 familias grazas ao tícket eléctrico e, desde o ano pasado, coa aprobación da Lei 7/2017 de medidas de eficiencia e de garantía de acceso á enerxía eléctrica, a ningunha familia con baixos recursos se lle poderá cortar a electricidade.