Santiago, 25 de abril de 2017.- O portavoz de Montes do Grupo Popular, José Silvestre Balseiros, avogou hoxe no Parlamento por traballar “de xeito honesto, serio, rigoroso e responsable” para avanzar cara a consecución das demandas dos 436 traballadores fixos descontinuos do Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Balseiros lembrou que, en cumprimento da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Xunta de Galicia reforzou con carácter fixo e estrutural o dispositivo do servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais durante a época estival coa creación de 436 postos de traballo para a prestación fixa-descontinua durante tres meses da campaña de verán e a cobertura deses postos por persoal laboral temporal, baixo a modalidade de interinidade.
ESTABILIDADE LABORAL
“Con esta medida, 436 traballadores gañaron estabilidade laboral, e a partir de 2012 tiveron a seguridade de traballar cada campaña e ademais por un tempo certo de tres meses concretos: xullo, agosto e setembro”, concretou o portavoz popular.
Porén, lembrou que este persoal, “vinculado por un contrato de traballo laboral interino como fixo-descontinuo, non podían ser chamado para ocupar prazas vacantes puras de máis duración” e explicou que “a única forma que tiña de manter esa expectativa era renunciar ao seu contrato, o que implicaba unha penalización para acceder ás listas durante un ano”.
SEN PENALIZACIÓN
“Diante desta situación e conscientes do prexuízo que causaba a penalización en listas durante un ano pola renuncia ás contratacións de campaña de verán, a Xunta de Galicia modificou o Decreto que regula as listas de contratación e desde setembro do pasado ano 2016 os traballadores da campaña de verán poden optar a cubrir postos vacantes e non vacantes sen penalización algunha”, sinalou.
Balseiros manifestou que “o que están a pedir desde os grupos da oposición xa é posible a día de hoxe, porque estes traballadores, renunciando ao seu contrato e sen penalización, poden ocupar tanto as prazas vacantes como as que vostedes chaman non vacantes e que son prazas desocupadas temporalmente por ter un titular con dereito a reserva do seu posto de traballo”.