Santiago, 15 de marzo de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, avogou hoxe porque a negociación aberta entre a Consellería de Sanidade e os traballadores dos puntos de atención continuada “chegue a bo porto para continuar coa importante labor que estes profesionais realizan para atender as necesidades sanitarias da poboación galega”.
Aurelio Núñez sinalou que a mesa sectorial de sanidade celebrada o pasado 23 de febreiro acordou a constitución dunha comisión técnica delegada para avaliar as demandas do persoal dos PAC galegos. “Esta comisión celebrou a súa primeira xuntanza o pasado 9 de marzo e acordouse manter unha nova reunión no entorno da Semana Santa, co tema monográfico da xornada dos puntos de atención continuada”, apuntou.
ESTUDOS SOBRE AS DEMANDAS
Máis en concreto, o portavoz popular lembrou o compromiso da Consellería de Sanidade de realizar os estudos pertinentes para comprobar as demandas dos profesionais e continuar mantendo reunións desa comisión técnica co debate sobre distintas reclamacións dos profesionais sanitarios dos PAC.
Núñez Centeno lembrou que “todos os traballadores públicos galegos sufriron as consecuencias da crise económica nas súas retribucións e condicións laborais a causa das medidas tomadas polos gobernos central e autonómico para paliar esta crise”.
“Pero tamén é certo que se teñen reposto moitos destes dereitos que se perderan, como a devolución de pagas extras, a recuperación dos complementos das mesmas, os días de libre disposición, os días adicionais de vacacións, os incrementos salariais, as OPEs, o Plan de Estabilidade, o Pacto de Contratación, os concursos de traslados abertos e permanentes ou as subas salariais”, concretou.
Ademais, indicou que “continúase a a negociar cos sindicatos na mesa sectorial e xa se ten chegado a distintos acordos en varios temas, como a carreira profesional e outras aspectos retributivos e de condicións laborais”.