O PPdeG celebrará mañá en Cerdedo Cotobade o inicio do curso político nun acto marcado “pola ilusión de reivindicar Galicia e España” fronte á “mala política” dos radicalismos do independentismo galego e os escándalos do PSOE. Un arranque coa ollada posta no próximo reto electoral, as eleccións municipais de 2027, pero tamén nas Xerais. Coa presenza do presidente nacional, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente autonómico, Alfonso Rueda, a Carballeira de San Xusto volverá a ser, como marca a tradición, o epicentro deste arranque de curso.
“En maio de 2027 iremos ás urnas para decidir quen nos representará nos lugares nos que desenvolvemos as nosas vidas. Dende o PPdeG seguiremos traballando día tras día, formando equipos e ofrecendo proxectos de futuro”, sinalou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, hoxe durante a visita á carballeira de San Xusto, coincidindo co inicio das labores de montaxe do acto.
A número dous dos populares galegos subliñou que o PP presentará “as mellores candidaturas”, coa meta posta en mellorar resultados nas urnas, “xa que somos o partido que máis se parece aos galegos e galegas”.
Por outra banda, lembrou que neste curso político tamén se espera unha nova convocatoria ás urnas: para elixir ao próximo presidente do Goberno de España. “Nós temos claro quen será: Alberto Núñez Feijóo, porque a era de Sánchez chegou ao seu fin, os días de Sánchez na Moncloa están contados”, asegurou. Neste punto, aproveitou para esixir ao presidente do Goberno central que convoque Eleccións Xerais.
Prado agradeceu ao presidente nacional do PP que elixise unha vez máis “a súa casa” para este inicio de curso e reclamou o seu papel na defensa de Galicia e España. “Imos reivindicar Galicia e España, a igualdade de todos os españois, porque non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco menos. E por desgraza, Sánchez ten territorios de primeira e territorios de segunda”, engadiu. Así, puxo en valor fronte á mala política do socialismo e os seus socios, a política que promove Feijóo e a política que se realiza dende o Goberno galego, liderada polo presidente do PPdeG, Alfonso Rueda.
“O PPdeG é a forza que tamén nos impulsa a seguir camiñando con “sentidiño”, con políticas pensadas para todos os galegos e galegas e pola senda da estabilidade”, destacou Prado, que criticou a Galicia dos “radicalismos, leas e algaradas” que promoven os nacionalistas e independentistas do BNG, que, lonxe de traballar pola súa terra, dixo, “debuxan unha Galicia escura e só se guían polo seu verdadeiro líder, a radicalista UPG”.
Para a secretaria xeral dos populares galegos, esa forza do PPdeG seguirá encamiñada en apostar por “unha Galicia unida e que viva en convivencia, traballando polo presente e polo futuro, o do progreso e o das oportunidades para os galegos do mañá”.
“POLA NOSA TERRA, A SÚA XENTE E O FUTURO DE TODOS ELES”
Prado aproveitou para anunciar que o acto do inicio do curso político comezará mañá ás 12.00 horas, nesa carballeira de San Xusto, en Cerdedo Cotobade, onde “celebraremos o inicio do curso político para seguir debuxando entre todos a Galicia que queremos, con alegría e ilusión, e tamén con reivindicacións: pola nosa terra, a súa xente e o futuro de todos eles”.
Ademais de representación popular das catro provincias de Galicia, haberá unha parte moi importante do equipo de dirección do PP nacional, entre eles o secretario xeral do partido, Miguel Tellado, xunto con outros cargos, arroupando ao líder nacional do PP. Tamén estará o presidente de honra do PPdeG, Mariano Rajoy.
LUIS LÓPEZ: “A RECEITA HABITUAL DO PP É O TRABALLO DIARIO”
Pola súa banda, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, agradeceu ás direccións nacional e autonómica a súa reiterada aposta por Cerdedo Cotobade e pola provincia para iniciar un novo curso político e adiantou que o partido «volverá a ofrecer unha imaxe de forza e unidade imposible para as demais formacións galegas».
O tamén presidente da Deputación sinalou que a provincia está «preparada e comprometida para todos os retos dun curso político frenético comezando polo necesario cambio en España» e advertiu de que a receita para os próximos meses será a habitual de «conquistar a confianza da xente día a día». «Iso é que nos dá credibilidade. O traballo diario, estar na rúa, escoitar aos veciños e apoialos cando precisan é o que se viu en cada concello neste verán e o que lle amosaremos a toda España desde Cerdedo Cotobade», aseverou.
“ENORME IMPORTANCIA” PARA CERDEDO COTOBADE
Por último, o alcalde anfitrión, Jorge Cubela, destacou a «enorme importancia» para o seu municipio de que o PP aposte de novo pola Carballeira do San Xusto para arrancar o curso político en toda España, «xa que nos sitúa na primeira liña e xera un importante retorno socioeconómico pola presenza de centos de persoas». Así mesmo, tamén salientou que supón un «premio» para a agrupación local do PP, xa que é un recoñecemento «ao traballo e a fortaleza» de moitos anos.