Santiago, 5 de xuño de 2018. O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, considerou hoxe que “se podería incorrer en prevaricación atendendo a demanda de En Marea para que a Xunta retire os expedientes sancionadores abertos iniciados contra auxiliares de clínica do Hospital Álvaro Cunqueiro ao marxe dos procedementos establecidos e sen analizar os graves feitos que causaron prexuízos aos pacientes por non recoller e transportar as bolsas de roupa sucia nas habitacións, boxes de UCI e portas de quirófano”.
Aurelio Núñez manifestou que “as demandas presentadas polos traballadores están a ser estudadas polas xerencias sanitarias con reunións específicas co persoal para temas de competencia das mesmas, en comunicación constante entre elas por mor da necesidade e a importancia da cobertura deste servizo”.
CUBRIR AUSENCIAS
“Estanse a cubrir as ausencias do persoal do SERGAS, tanto en primaria como en especializada, sempre que as necesidades asistenciais o precisan, e ademais cando se dispón de persoas substitutas para ditas prazas”, apuntou.
Así mesmo, Aurelio Núñez sinalou que “a creación de prazas é potestade da administración e non doutras administracións, ao tempo que se está a negociar cos representantes dos traballadores as distintas eivas que lle son transmitidas á Administración sanitaria”.