Santiago, 21 de setembro de 2018.- O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González, criticou hoxe que En Marea e BNG “traian agora ao debate en comisión parlamentaria proposicións non de lei con medidas que xa están recollidas no ditame recentemente aprobado da Comisión de estudo sobre política forestal, que eles votaron en contra e que foi aprobado polas tres cuartas partes do Parlamento galego”.
José González considerou “paradóxico que se En Marea e BNG consideraban hai pouco máis dunha semana que o ditame era pouco ambicioso e que non melloraba a política forestal, agora veñan con propostas que figuran neste documento sen ruborizarse”.
MONTE ORDENADO E MULTIFUNCIONAL
En concreto, e no debate dunha proposición non de lei sobre as comunidades de montes, o portavoz popular subliñou que no ditame xa se establece que estas entidades “teñen que ter un papel protagonista no deseño do monte galego, xa que representan un terzo da súa superficie”.
“Queremos que as comunidades de montes sexan protagonistas dun monte ordenado e multifuncional, sen monocultivos de ningún tipo e que reinvistan unha parte dos seus ingresos na ordenación do monte”, indicou.
José González recordou que un terzo das comunidades de montes existentes non fan xestión algunha dos seus terreos, polo que avogou por “poñelas en explotación e facilitar a súa cesión sen discutir a propiedade do monte que pertence aos comuneiros”.
Ademais, sinalou que, nesa posta en valor do monte comunal non xestionado, “temos que darlle prioridade ás entidades das que formen parte comuneiros ou a outras comunidades que fagan unha xestión axeitada do seu monte”.