Santiago, 13 de setembro de 2017.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, defendeu hoxe no Parlamento o ingreso do Pazo de Meirás no patrimonio público, respectando a legalidade vixente. Para acadar este obxectivo, Puy avogou porque a Xunta realice un estudo xurídico, en colaboración coas universidades galegas, que analice a posibilidade e os mecanismos legais para acadar este obxectivo, sen que esta incorporación ao patrimonio público implique un novo custo para o pobo de Galicia, que xa o asumiu no ano 1938.
Pedro Puy defendeu a emenda presentada polo Grupo Popular ás proposicións non de lei debatidas de En Marea e BNG no Pleno, que xa foi rexistrada como proposición non de lei para o seu debate no Parlamento galego.
NEGOCIO PRIVADO ENTRE PARTICULARES
Na súa intervención, Puy explicou que a adquisición do Pazo de Meirás por parte da familia Franco aos herdeiros de Emilia Pardo Bazán “está considerado xuridicamente como un negocio privado entre particulares, o que implica que a súa integración ao patrimonio público sexa un complexo problema xurídico”.
“Por este motivo, consideramos necesario que se estude a nivel xurídico as posibilidades e mecanismos legais existentes para que este ben de interese cultural poida formar parte do patrimonio público sen que isto supoña custo para a economía galega”, indicou.
Pedro Puy iniciou a súa intervención amosando “o máximo respecto ás vítimas do franquismo”, poñendo de manifesto que “neste Parlamento en todos os grupos hai familiares de vítimas do franquismo”.
RESPECTO POLAS MINORÍAS E AS MAIORÍAS
En segundo lugar, o portavoz popular lembrou que “a democracia é respecto polas minorías, pero tamén polas maiorías” e agradeceu á oposición que “abandonen o intento de vencellar o franquismo co Partido Popular, que representa a unha maioría de galegos que comparten os principios democráticos da Constitución de 1978”. “O PP non foi franquista, nin o é, e xa condenamos en varias ocasións o franquismo e non compartimos nin o ideario, nin o proceder da familia nin da Fundación Francisco Franco”, asegurou.
Puy tamén pediu “respecto ás normas democráticas e respecto ao orde constitucional, así como aos procedementos administrativos que dan como resultado as sancións previstas na lei”. Así, subliñou que desde o PP “temos un compromiso claro co cumprimento das leis democráticas e de respecto á Constitución”.