Santiago, 27 de febreiro de 2018.- O Grupo Popular defenderá no Pleno da vindeira semana unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a afondar na transformación dos valores que reproducen a desigualdade de xénero, intensificando as accións contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo. Así mesmo, demandará á Xunta a ampliación do programa galego de pacientes polimedicados, a través de novas estratexias de xestión e da formación dos profesionais.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia do vicepresidente da Xunta e conselleiro da Presidencia, a petición propia e acumulada á solicitude dos grupos da oposición, para dar conta da proposta do Goberno galego dentro do proceso negociador para mellorar as condicións dos traballadores da Administración da Xustiza en Galicia.
PLAN DE SEGURIDADE VIARIA
A esta comparecencia, sumarase a da conselleira de Infraestruturas e Vivenda para abordar os obxectivos e desenvolvemento do Plan de seguridade viaria 2016-2020.
O Grupo Popular defenderá no Pleno unha proposición non de lei a través da que insta á Xunta a afondar na transformación dos valores que reproducen a desigualdade de xénero, a través de campañas e accións de sensibilización e información ao conxunto da cidadanía sobre as vantaxes sociais da conciliación responsable.
Esta iniciativa inclúe, ademais, a promoción dunha comunicación libre de mensaxes e imaxes que reproduzan estereotipos de xénero; eliminar roles e estereotipos de xénero que repercuten na división sexual do traballo; implantar medidas de conciliación e flexibilización do tempo de traballo nas empresas e organizacións públicas e privadas; consolidar un sistema de apoios á conciliación dirixidos á infancia, o coidado de persoas maiores, persoas con discapacidade ou en situación de dependencia; e intensificar as accións contra a fenda salarial e pola igualdade efectiva no traballo.
ASCENSORES E CENTROS DE MENORES
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular vai dirixida á mellora e ampliación do programa galego de pacientes polimedicados, coa posta en marcha de estratexias de xestión e formación dos profesionais.
Polo que respecta ás preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular cuestionará sobre os resultados da primeira convocatoria de axudas para a instalación de ascensores; así como sobre as melloras que o Goberno galego ten introducido nas instalacións dos centros de menores.