Santiago, 18 de outubro de 2022.- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “o Goberno central amplíe o alcance e dotación do PERTE de Economía Circular, de xeito que teñan cabida os proxectos tractores da Xunta de Galicia”.
Así mesmo, lembrou que Galicia foi pioneira na aprobación en 2019 da Estratexia de Economía Circular 2020-2030, que seguirá desenvolvendo coa colaboración e participación da sociedade civil, do tecido empresarial e os diferentes axentes das administracións públicas.
Marisol Díaz lamentou que os PERTE “están tan fragmentados que impiden que se poidan financiar proxectos transversais de entidade que contribúan ao verdadeiro cambio do modelo económico”. “E, por se fose pouco, contan cunha escasa dotación que impide que proxectos de gran calado obteñan o financiamento suficiente para saír adiante”, apuntou.
No debate dunha moción sobre o impulso da economía circular, a portavoz popular destacou que “a Xunta xa ten un plan para un novo modelo de economía circular co horizonte do 2030; un plan vivo, cambiante e adaptable a cada circunstancia, e no que xogan un papel esencial as empresas; un plan que apoia e facilita a cooperación cos concellos na xestión dos recursos; e un plan que ten en conta á cidadanía e, de xeito moi particular, aos máis novos”.