Santiago, 1 de marzo de 2018.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira demandou hoxe no Parlamento que a Xunta inicie este ano 2018 os trámites necesarios para realizar as obras de arranxo da estrada LU-710 entre o enlace coa A-6 e Baralla, de tal maneira que este tramo conte coas mellores prestacións posibles que sexan compatibles coa orografía do terreo e cos valores naturais do río Neira e a súa contorna.
Julia Rodríguez lembrou que o Goberno galego adxudicou o pasado mes de agosto o contrato para a redacción do acondicionamento da LU-710 e neste momento estase a traballar na redacción deste proxecto.
“A intención da Xunta é trasladarlle o proxecto unha vez redactado ao Concello de Baralla para que poida facer as consideracións que estime oportunas, á vista do interese medioambiental que ofrece o entorno desta estrada que debe ser compatible coa mellora do seu trazado”, engadiu.
TRAMO DELIMITADO POO MONTE E O RÍO
Porén, a deputada popular criticou que o PSOE pida neste tramo da LU-710 un ancho de plataforma como o do resto da estrada, “cando son conscientes de que resulta tecnicamente inviable, toda vez que este tramo está delimitado en gran parte do seu percorrido por unha parede vertical do monte e polo curso do río Neira”.
“Os socialistas fan unha proposta sen o máis mínimo proceso reflexivo sobre a realidade da estrada sobre o terreo, e por iso non contemplan a necesidade de minimizar o impacto visual e medioambiental que as obras que propoñen terían sobre as ribeiras do río Neira”, sinalou Julia Rodríguez.