Santiago, 30 de outubro de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira demandou hoxe no Parlamento que a Xunta licite e execute as obras do novo emisario submarino e a mellora da actual estación depuradora de Praceres, ao tempo que require aos concellos de Pontevedra, Marín e Poio o arranxo das deficiencias existentes nas súas redes de sumidoiros que repercuten negativamente na eficiencia da depuradora de Praceres ao producirse infiltracións de auga de mar.
Jacobo Moreira criticou que o goberno municipal de Pontevedra “leva máis de tres anos asistindo ás reunións da mesa de traballo para o Plan de saneamento da ría de Pontevedra e nunca manifestaron a súa oposición á ampliación da depuradora”. “Agora si o fan, pero está claro que esta posición ten máis que ver con que están próximas as eleccións municipais e senten que a Alcaldía do BNG está en perigo”, sinalou.
SUBSANAR DEFICIENCIAS
Deste xeito, o deputado popular considerou necesario, en primeiro lugar, que a Xunta licite e execute as obras do novo emisario submarino e a mellora da actual EDAR de Praceres, do mesmo xeito que os concellos de Pontevedra, Marín e Poio subsanen as deficiencias existentes nas súas redes de sumidoiros. “Asolagar a depuradora con auga de mar e de chuvia convirte en ineficiente a depuradora, ademais dun despilfarro de cartos públicos”, apuntou.
Moreira pediu, ademais, que o Concello de Poio faga unha proposta de localización ao Goberno central para a construción da EDAR de Razó e Samieira no prazo máis breve posible, “evitando así que augas residuais deste municipio se sigan vertendo sen depurar á ría de Pontevedra”.
“Cando se faga todo iso, comprobaremos tecnicamente se é necesario ou non ampliar a depuradora de Praceres, mantendo canles de diálogo coas administracións e axentes implicados de cara a minimizar os posibles impactos ambientais e sociais, tendo en conta o risco que podería supoñer non ampliar a depuradora actual sobre a cualificación marisqueira da ría, así como sobre o expediente sancionador aberto pola Unión Europea”, engadiu.