Santiago, 3 de decembro de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, demandou hoxe no Pleno ao Goberno central que incremente o número de xulgados exclusivos en materia de violencia de xénero que a Comisión Mixta Xunta-Tribunal Superior de Xustiza de Galicia consensúe necesarios, en cumprimento do Pacto de Estado e coas recomendacións do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Paula Prado explicou que na actualidade existen en España 106 xulgados exclusivos de violencia sobre a muller, dos que dous están en Galicia; 355 xulgados de instrución e xulgados de primeira instancia e instrución especializados para investigar os delitos de violencia de xénero, dos que 43 están en Galicia; e 31 xulgados do penal especializados, dos que 2 están en Galicia.
COMPETENCIA DO CXPX
“A determinación desta especialización é competencia do Consello Xeral do Poder Xudicial, que é o órgano que decide os xulgados concretos que cómpre especializar, así como a procedencia para eximilos ou non doutras materias para unha mellor distribución da carga de traballo”, apuntou.
A viceportavoz popular subliñou que “a creación de novos xulgados é competencia do Goberno de España, e corresponde ao Ministerio de Xustiza adoptar a decisión, que non sempre respecta a proposta realizada desde a Xunta de Galicia nin atende a petición de ampliación do número de unidades asignadas, pese a que o Goberno galego ten amosado a súa disposición para dotar máis xulgados dos inicialmente asignados”.
“A Xunta de Galicia traslada e trasladará ao Goberno central as peticións de incremento de xulgados que a Comisión Mixta estime procedentes, non as que determine este Parlamento, dado que esta Comisión Mixta é a canle institucional para estudar e decidir o contido da petición de creación de novas unidades xudiciais”, sinalou a viceportavoz popular.