Santiago, 20 de novembro de 2018.- A deputada do Grupo Popular Julia Rodríguez Barreira considerou necesario hoxe no Parlamento que o Goberno galego continúe executando as reformas necesarias nas dependencias xudiciais galegas para evitar o cruce entre vítimas de violencia de xénero e os seus agresores, así como habilitar espazos axeitados para os menores que teñen que acudir a procedementos xudiciais.
Julia Rodríguez afirmou que “debemos evitar que as vítimas de agresións machistas se poidan sentir intimidadas nas dependencias xudiciais e que isto as leve a retirar as súas denuncias ou a non declarar por medo”. “Trátase de incrementar a protección e a seguridade das mulleres e os menores vítimas fronte aos seus agresores, pero esta actuación hai que facela con arranxo á capacidade real de cada edificio xudicial”, apuntou.
ACORDOS UNÁNIMES
Na súa intervención, a deputada popular lembrou a existencia de acordos unánimes neste sentido e que, no seu cumprimento, “o Goberno galego xa ten acondicionado en diversas sedes xudiciais espazos que impidan que a vítima se atope co seu agresor, así como outras actuacións procurando que as autoridades xudiciais tomen medidas de carácter organizativo para preservar a intimidade da vítima e evitar a súa confrontación co agresor”.
Rodríguez Barreira engadiu que “o noso interese é que os menores poidan agardar para prestar declaración nun entorno de tranquilidade e axeitado á súa idade, pero neste caso tamén hai que facelo adaptándose á capacidade real de cada edificio xudicial”.
Doutra banda, Julia Rodríguez afirmou que “as novas tecnoloxías deben servir para evitar situacións indesexables, polo que o Goberno galego xa está a traballar para que a videoconferencia se configure como un servizo básico”. “Pero queremos ir máis aló e para isto avogamos pola modernización das tecnoloxías, porque non só a videoconferencia é un elemento importante, senón tamén sistemas de gravación que eviten a repetición das declaracións”, engadiu.