O portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Alberto Pazos Couñago, denunciou hoxe “a maior aldraxe a Galicia” tras o acordo aprobado no Congreso para a transferencia da AP-9, ao considerar que “modifica e desvirtúa por completo” o texto aprobado por unanimidade na Cámara galega.
Durante a rolda de prensa celebrada no Parlamento, Pazos acusou ao PSOE e ao BNG de “dinamitar a posición común de país” e asegurou que o novo texto supón “un pacto entre traidores” co que “Pedro Sánchez pretende aforrar unha vez máis a costa do peto dos galegos”.
“O máis grave é que esta aldraxe foi bendecida por dous galegos: pola señora Pontón, que traizoou á súa nación, e polo señor Besteiro, unha vez máis o máis servil vasalo de Pedro Sánchez”, afirmou.
O portavoz popular exhibiu o texto aprobado inicialmente no Parlamento galego para evidenciar “os tachóns e eliminacións” introducidos posteriormente no Congreso.
Segundo explicou, a nova redacción elimina cuestións fundamentais como a obriga do Estado de asumir os custos derivados dunha posible nulidade das prórrogas da concesión, a supresión do incremento anual acumulativo do 1% nas peaxes ou o financiamento estatal das obras comprometidas e das bonificacións ás persoas usuarias recorrentes.
Neste sentido, Alberto Pazos asegurou que “o único acordo válido é o aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia”, porque nel “o Goberno central asume as súas responsabilidades económicas, as obras comprometidas e as bonificacións necesarias”.
“O texto que PSOE e BNG queren vender agora como bo para Galicia elimina todas esas garantías, unha a unha”, advertiu.
Pazos preguntouse “canto vale a palabra da señora Pontón e do señor Besteiro, que votan unha cousa en Galicia e a contraria en Madrid”, para concluír que “vale tanto como a presunta honradez de Pedro Sánchez: nada”.
NOVA INICIATIVA NO PARLAMENTO
Alberto Pazos anunciou ademais que o Grupo Popular presentará unha nova iniciativa parlamentaria para “retornar á posición común de país que nunca se debeu romper”.
A proposta defenderá que se respecte literalmente o texto aprobado por unanimidade en Galicia, que a transferencia non implique cargas económicas para a comunidade, que o Estado continúe financiando as bonificacións vixentes e que a Xunta dispoña de plena capacidade para a xestión integral da AP-9.
CORRUPCIÓN E DETERIORO DEMOCRÁTICO
Na súa comparecencia, o portavoz popular tamén criticou duramente a situación política do Goberno central e os últimos casos que afectan ao PSOE e ao entorno do presidente do Goberno.
“Desde a miña última rolda de prensa coñecemos a imputación do ex presidente Zapatero, o rexistro da sede do PSOE en Ferraz, a citación xudicial da muller do presidente e vimos tamén ao seu irmán sentado no banco dos acusados”, lembrou.
Segundo Pazos, “na España de Pedro Sánchez, o Goberno protexe a presuntos delincuentes e acusa aos que perseguen o delito”, responsabilizando directamente ao presidente “dun deterioro sen precedentes da calidade democrática”.
O portavoz popular asegurou que “hai tempo que o vaso da paciencia dos españois está absolutamente desbordado” e reclamou “devolverlles a voz aos cidadáns para que decidan o futuro do país”.
Finalmente, o portavoz popular felicitou ás Forzas Armadas con motivo da celebración do seu día en Galicia e trasladou o recoñecemento do Grupo Popular “aos máis de 8.000 homes e mulleres galegos que prestan servizo no Exército”.