Os deputados do Partido Popular de Galicia no Congreso acusan a Pedro Sánchez de “estar máis preocupado por aferrarse á cadeira da Moncloa a costa de ceder ante o independentismo catalán que por cumprir coa demanda unánime do pobo galego en torno á transferencia da AP-9 á Comunidade”.
Fano logo de que hoxe mesmo a Mesa do Congreso dos Deputados –dominada polos socialistas e os seus socios– acordase a 18ª prórroga no prazo de presentación de emendas á proposición non de lei relativa a esta cuestión e cuxa toma en consideración polo procedemento de urxencia foi aprobado no mes de xuño do ano pasado. Unha nova prórroga que fai que os adiamentos na tramitación desta iniciativa ascenden aos 33 desde a chegada de Sánchez á Moncloa.
Os populares galegos poñen o foco en que, mentres isto ocorre, o Goberno de Sánchez en cambio “non ten problemas para someterse ás humillantes chantaxes do independentismo catalán”. Algo que argumentan sinalando que a Mesa do Congreso que volveu dicir hoxe ‘non’ a Galicia si admitiu a trámite a proposición non de lei de Junts instando a Pedro Sánchez a someterse a unha cuestión de confianza.
Á parte de falar abertamente de “boicot” por parte do Goberno de Sánchez, desde o PPdeG consideran que esta nova prórroga é “lamentable” na medida en que encamiña o que é “un anhelo unánime do pobo galego” pola mesma senda da pasada Lexislatura: “Primeiro foron adiando o prazo de presentación de emendas ata chegar a 15 prórrogas, logo boicotearon a súa tramitación na ponencia e finalmente a disolución das Cortes Xerais impediu que saíra adiante”.
Nesta liña, o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sostible do Congreso, Celso Delgado, ten claro que “todo apunta a que o PSOE, coa conivencia do socialismo galego, está favorecendo unha prórroga indefinida dos prazos para que tampouco nesta Lexislatura se faga efectiva a transferencia a Galicia da titularidade e xestión da principal autoestrada da Comunidade”.
“Non imos aceptar esa nova aldraxe a Galicia e non estamos dispostos a consentir que o Goberno de Sánchez, coa submisión do socialismo galego e o apoio do BNG, impida que se poida debater no Congreso unha iniciativa que foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia”, conclúe Delgado.