29, xaneiro, 2023. O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, vén de comunicar a Pedro Puy a decisión da formación de designalo como coordinador autonómico do programa electoral marco para as eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.
O voceiro do Grupo Popular no Parlamento de Galicia será o encargado de garantir a coordinación e o intercambio de información entre o equipo de campaña galego e nacional, unha vez recollidas as cuestións específicas de cada concello e cada sector.
“Trataremos de facer un programa aberto á sociedade galega, recollendo todas as súas propostas e necesidades”, declara ao respecto Pedro Puy ao tempo que pon en valor o traballo feito neste sentido a través das comisións sectoriais do PPdeG.
O obxectivo deste programa será, segundo sinala o seu coordinador autonómico, “incorporar todo o coñecemento e toda a experiencia que acumulan os nosos alcaldes, voceiros, afiliados e simpatizantes”. E partindo de aí, facer propostas “que permitan avanzar aos concellos, vivir mellor neles e contribuír a un maior benestar en toda Galicia”.
Compre sinalar que Pedro Puy xa foi o encargado de coordinar os programas cos que o PPdeG concorreu ás últimas convocatorias electorais. Programas todos eles nos que se demostrou que para os populares galegos este tipo de documentos non son unha recompilación de promesas baleiras, senón unha materialización do seu compromiso con Galicia.