Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez visitaron hoxe as obras que a Xunta está a realizar no treito da autovía AG-42 Tui-A Guarda, entre o enlace do polígono de Areas e a estrada PO-350, que avanzan segundo os prazos previstos co obxectivo de que estean rematadas ao longo do vindeiro ano 2027.
Acompañados dos portavoces do Partido Popular nos concellos de Tui, Nicolás Montes; Tomiño, Mónica Otero; e O Rosal, Carlos Rodríguez, así como a presidenta local do PP de Tomiño, Lara Meneses, e outros concelleiros populares na bisbarra, os deputados populares comprobaron o avance das obras nunha infraestrutura clave para a mobilidade e o desenvolvemento do Baixo Miño. Durante o percorrido, puxeron en valor as actuacións xa realizadas, o que está en execución e o que está comprometido, destacando que a Xunta está a avanzar nesta infraestrutura con planificación, investimentos concretos e obras en execución.
MELLORAS DE FUNCIONALIDADE E SEGURIDADE VIARIA
En concreto, García Comesaña explicou que o tramo da AG-42 que se está a executar neste momento, entre o enlace ao polígono de Areas e a estrada PO-350, suporá un investimento próximo aos 18 millóns de euros. Os traballos neste treito de 3,2 quilómetros comezaron o pasado mes de xullo, cun prazo de execución de 24 meses. O proxecto inclúe melloras na funcionalidade e a seguridade viaria, como a duplicación do paso inferior de acceso ao polígono de Areas e a ampliación dunha ponte de pedra na estrada PO-350 que ata agora non permitía o cruce simultáneo de dous vehículos pesados.
Este novo treito da AG-42 completarase cos ramais de enlace de Areas en sentido Tomiño, unha actuación que permitirá completar todos os movementos deste enlace e mellorar as conexións do polígono industrial situado neste punto.
Moisés Rodríguez lembrou a posta en marcha no mes de febreiro de 2024 do treito de conexión da A-55 co polígono de Areas, no concello de Tui, unha obra que superou os 25 millóns de euros de investimento. “Desde a súa posta en marcha, este viario permitiu desviar arredor de 4.500 vehículos diarios que antes circulaban pola estrada autonómica PO-552, mellorando notablemente a seguridade e a mobilidade na zona”, indicou o deputado popular.
“A Xunta está a demostrar con feitos, con investimentos importantes e con obras importantes que a autovía Tui-A Guarda é unha prioridade real para mellorar as comunicacións no Baixo Miño”, indicou Julio García Comesaña.
Pola súa banda, os representantes municipais coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre administracións para seguir avanzando nesta infraestrutura, que permitirá reducir os tempos de desprazamento, mellorar a seguridade viaria e reforzar a cohesión territorial entre Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda.